Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “A forma de ver a nosa cidade construídela os fotoxornalistas coa vosa ollada”


A alcaldesa inaugurou na Fundación Luís Seoane a exposición ‘Un ano de fotoxornalismo’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurou hoxe a exposición ‘Un ano de fotoxornalismo’, unha mostra que recolle imaxes de 22 fotoxornalistas da cidade e que xa está aberta ao público na Fundación Luís Seoane. O Concello impulsa esta exposición xunto á Asociación da Prensa da Coruña.

A mostra recolle os traballos de Ángel Manso, Sandra García, Germán Barreiros, Eduardo Pérez, Cabalar, Mónica Arcay, Iago López, Javier Alborés, Andy Pérez, Jesús Sancho, Casteleiro, Torrecilla, Quintana, Patricia G. Fraga, Carlos Pardellas, Moncho Fuentes, César Quián, Manu San Martín, Pedro Puig, Miguel Miramontes, Marcos Míguez e Víctor Echave.

Nas imaxes, que poderán verse ata finais de mes no patio interior da Fundación Luís Seoane, aparecen algunhas das noticias deste 2023, como o pregón das festas de María Pita con Lionel Scaloni, a feira modernista de Sada, o San Xoán coruñés ou o Morriña Fest; mais tampouco faltan clásicos coma o Deportivo ou diferentes retratos de personaxes como Merceditas, a choqueira de honra do pasado Entroido.

Inés Rey destacou que “o fotoxornalismo coruñés achégalle cada día á cidadanía e ao mundo enteiro a nosa realidade a través das súas imaxes”. A alcaldesa agradeceu o labor diario dos e das profesionais do sector e o bo humor co que escolleron as imaxes que compoñen a mostra. Deste xeito, o Concello recupera unha mostra que levaba desde 2015 sen ter cabida nas salas expositivas municipais. “Comprométome a que esta mostra teña carácter anual e anímovos a todos a continuar retratando a nosa cidade, a súa xente e a nosa realidade diaria”, dixo Rey. “A forma de ver a nosa cidade construídela os fotoxornalistas coa vosa ollada”, indicou a alcaldesa.