Friday 22 de November de 2024

A Xunta inicia as consultas ambientais do Proxecto da Rolda Sur-Oeste de Ordes, que permitirá liberar de tráfico o centro do municipio


― A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda somete o proxecto ao proceso de avaliación ambiental simplificada ao longo dun mes

― A actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten un orzamento de máis de 8M€, que inclúe o investimento necesario para as expropiacións

― Proxéctase unha variante de máis de 2 quilómetros que unirá a estrada N-550 coa AC-413 e a DP-5903, onde se acometería unha rotonda

― A nova vía ofrecerá unha alternativa para reducir o número de vehículos que circula polo no núcleo urbano de Ordes, máis concretamente nas rúas Mediodía e do Recreo

― A estrada terá 3 carrís e executarase unha glorieta á altura de intersección coa rúa Coruña e o desvío que vai cara ao instituto e a piscina municipal

― O proxecto inclúe unha senda peonil e un carril bici para dar continuidade aos itinerarios que conectan Ordes, desde a praza da Constitución, coas instalacións da piscina municipal, o IES Maruxa Mallo e IES Nº1

A Xunta inicia o trámite das consultas ambientais do proxecto de execución da Rolda Sur-Oeste de Ordes, que permitirá liberar de tráfico o centro do municipio.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda somete o proxecto ao procedemento de avaliación ambiental simplificada, ao longo dun prazo dun mes.

Esta actuación, que impulsa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten dun orzamento autonómico de máis de 8 M€, que inclúe o investimento necesario para as expropiacións de terreos.

O obxectivo é a execución dunha nova rolda de máis de 2 quilómetros de lonxitude, que unirá a estrada N-550, onde o Ministerio de Transportes prevé a execución dunha intersección tipo glorieta, coa AC-413 e a DP-5903, onde se acometería outra rotonda.

A infraestrutura viaria permitirá reducir o tráfico de vehículos no núcleo urbano de Ordes, máis concretamente nas rúas Mediodía e do Recreo, xa que posibilitará a conexión da estrada AC-524, no acceso á AP-9 e a Mesía, e da N-550, no acceso a Santiago, coa AC-413, que vai a Carballo e a DP-5903, de acceso a Trazo e Tordoia.

A estrada terá tres carrís e executarase tamén unha glorieta no punto quilométrico 0+560, á altura de intersección coa rúa Coruña e do desvío que vai cara ao instituto e a piscina municipal.

Tamén se executará unha intersección en T, con carrís centrais, no acceso ao cemiterio do Balado e ás instalacións do Punto Limpo de Ordes.

Ademais o proxecto inclúe unha senda peonil e un carril bici que permitirán dar continuidade aos itinerarios que conectan Ordes, desde a praza da Constitución, coas instalacións da piscina municipal, o IES Maruxa Mallo e IES Nº1.