A Xunta de Galicia destinará nos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns destinaranse ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis que en 2023
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o centro de formación Mata Forvial que está a impartir dous cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) dentro da oferta que financia a Xunta de Galicia a entidades e concellos. Durante a visita, o representante do Goberno autonómico informou de que o Goberno galego financiará neste Concello 11 cursos e dous obradoiros de emprego que permitirán formar a 205 persoas sen emprego de Santa Comba, 165 nos AFD e 40 nos talleres de emprego.
A convocatoria deste ano para AFD pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas.
Tamén pon o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. Ademais ofrece un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.
No Concello de Santa Comba impartiranse 9 cursos organizados polo concello cun apoio da Xunta de máis de 310.175 euros e dous organizados por Mata Forvial cunha axuda 84.524 euros, e contará tamén con outro apoio para a organización de dous obradoiros de emprego de máis de 955.000 euros.
Trenor agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos e a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado en dous sectores que cada vez teñen máis demanda”.
O delegado da Xunta considerou de “gran importancia” estes talleres e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida dás persoas. Non só porque poden aprender un oficio, ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.
O representante do Goberno autonómico subliñou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns destinaranse ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis que en 2023. Con este investimento, entre outros, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas relacionadas coas novas tecnoloxías: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.
Así mesmo, concretou que a Xunta seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, as microcredenciais, un sistema polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais das persoas traballadoras.