Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche e a veciñanza estrean o novo centro sociocultural Lapatiencos


O inmoble, situado na parroquia de Labacengos, acollerá actividades da programación municipal e outras organizadas pola asociación veciñal

O Concello de Moeche iniciou este mércores en Labacengos a rolda de contactos veciñais para recoller propostas de cara aos orzamentos municipais de 2024. E fíxoo estreando o novo centro sociocultural Lapatiencos, construído recentemente preto da igrexa parroquial. No equipamento, dun só andar e dotado de cociña e outras dependencias auxiliares, investíronse 160.000 euros dos remanentes municipais cos que se pechou o exercicio de 2020, contando cunha achega de 18.600€ procedentes dos fondos europeos FEADER. No día da estrea, que se levou a cabo sen cortes de cintas nin actos protocolarios, Beatriz Bascoy lembrou que o novo local é resultado dunha demanda da veciñanza presentada precisamente nas asembleas preparatorias dos orzamentos, ademais de destacar a importante función social que cumprirá o espazo como punto de encontro e lugar para o desenvolvemento de distintas actividades.

O edificio, denominado “Lapatiencos” en alusión ao pobo anterior á romanización que viviu na zona, encóntrase no núcleo principal de Labacengos nunha parcela adquirida polo Concello. A proposta arquitectónica, de deseño moi moderno e funcional, inspírase nos pendellos da feira de San Ramón e intégrase na leira municipal cun corpo principal de planta baixa e unha zona cuberta exterior que se aproximan en conxunto aos 160 metros cadrados.

O interior do espazo repártese nun distribuidor principal de 22 metros cadrados que dá aos dous aseos, ambos adaptados para persoas con mobilidade reducida, e a un almacén cercano aos 14 metros de superficie.

Na outra banda ábrese unha grande estancia -a sala de usos múltiples- que alcanza os 90 metros cadrados, reservando neles sitio para a futura instalación dun escenario e para unha cociña de algo máis de 7 metros, xa equipada, que pode abrirse ou pecharse ao resto da sala mediante paneis móbiles, algo que será de grande utilidade para impartir obradoiros culinarios.

Todo o inmoble está concibido desde o minimalismo e a funcionalidade, cedéndolle o protagonismo á luz e á utilidade do espazo como punto de encontro veciñal, sen perder de vista a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Beatriz Bascoy comentou ao comezo da xuntanza de onte que este primeiro acto nas instalacións non foi unha inauguración, senón “unha posta a andar” que virá seguida doutras pequenas intervencións. De feito, está previsto instalar proximamente unha caldeira de pellets, ademais de rematar o acondicionamento da parte exterior para facilitar o estacionamento de vehículos.

A alcaldesa tamén lembrou as dificultades atopadas para levar a cabo a obra, motivadas principalmente pola crise de abastecemento e de prezos dos materiais de construción, que obrigaron a adaptar o proxecto e que provocaron certo retraso na súa execución.

Con todo, o Goberno local quixo poñer en valor que o novo centro sociocultural estea xa en funcionamento e que poida acoller actividades organizadas polo Concello e pola asociación veciñal, que ata o momento utilizaba como local de referencia un antigo hangar para ultralixeiros situado no Ventoeiro. A primeira que vai ter lugar no novo centro cívico será un obradoiro de maquillaxe na tarde deste mesmo venres, seguido a partir da semana que vén das clases de pandeireta dos luns, as de labores dos xoves e tamén as pequenas xuntanzas veciñais que se celebran dous mércores ao mes para parolar arredor dun café. Propostas todas elas que teñen aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 606 729 038,

Alén da estética construtiva e a funcionalidade do edificio, a alcaldesa referiuse especialmente á importancia que terá como punto de encontro para as veciñas e veciños, sobre todo para as de maior idade, “algo fundamental en zonas rurais coma a nosa”, dixo Bascoy, ademais de estar contribuíndo cun equipamento axeitado “ao labor cultural e de reforzo comunitario tan importante que desenvolve o tecido asociativo”.

Asembleas participativas
O centro cívico Lapatiencos estreouse con motivo das asembleas veciñais preparatorias dos próximos orzamentos municipais. As xuntanzas proseguen este xoves en San Xoán (na Casa do Concello), o luns 18 de decembro no local social de Trieiro (Abade), o martes 19 no antigo local electoral de Santa Cruz e, pechando o ciclo, o mércores 20 en San Xurxo, no local social do Pereiro. Todas empezarán ás 19:30h.