Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento de Galicia e sinala a importancia de conferirlles o espazo que se merecen


A secretaria xeral da Igualdade Sandra Vázquez, participou hoxe na clausura da exposición itinerante ‘Mulleres, símbolo do rural’, na sede da Valedora do Pobo

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe na clausura da exposición itinerante Mulleres, símbolo do rural na sede da Valedora do Pobo en Santiago de Compostela. Vázquez puxo en valor esta iniciativa da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, coa que colaborou a Xunta, e que percorreu varias localidades galegas para visibilizar o labor das mulleres e a súa contribución ao desenvolvemento das zonas onde viven.

A Consellería de Emprego e Igualdade financiou con preto de 8.500 euros esta actividade a través das liñas de axudas de apoio ás entidades de iniciativa social e ao asociacionismo da Secretaría Xeral da Igualdade.

A mostra, resultado dunha investigación iniciada en 2021, logrou visibilizar a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento de Galicia, a través dos testemuños de mulleres de diferentes esferas como a saúde, a migración, o emprendemento, a preservación do patrimonio cultural ou as institucións públicas, entre outras.
Vázquez destacou a importancia de dar a coñecer as historias das mulleres rurais galegas conferíndolles o espazo que se merecen. Ao respecto, puxo de manifesto o compromiso de Galicia coa igualdade a través da nova Lei aprobada recentemente no Parlamento coa que se busca garantir a igualdade de xénero en todos os espazos e en todas as esferas da vida.