O plan desenvolverase con persoal municipal, aplicando a técnica do formigón impreso para aumentar a durabilidade dos amaños realizados.
O Concello de Fene está a ultimar os detalles do Plan de Acondicionamento de Beirarrúas que comezará a comezos de ano, e que chegará a todas as parroquias co obxectivo de amañar as beirarrúas cunha duración duradeira. Executarase empregando medios propios e operarios municipais, mediante a aplicación da técnica do formigón impreso.
“O formigón impreso está deseñado para resistir o desgaste e o paso do tempo, mantendo a súa aparencia e calidade ao longo dos anos, o que implica solucións máis duradeiras e unha mellor xestión dos recursos municipais”, destacou a concelleira de servizos, Sandra Permuy, quen adiantou que as primeiras actuacións contempladas no Plan de Acondicionamento terán lugar nas beirarrúas situadas na Avenida de Tarrío, nas inmediacións do Centro de Saúde e centros escolares, para posteriormente “continuar por todas as parroquias”.
A do formigón impreso é a unha técnica consistente en aplicar un revestimento de formigón coloreado sobre unha superficie previamente preparada, sobre a que posteriormente se estampan moldes con deseños específicos antes de que se complete o secado. Grazas a estes moldes conséguense texturas e patróns que imitan materiais como lastras, ladrillos ou pedra natural, que ao secar, quedan adheridos á superficie.
Entre as súas vantaxes destaca que se pode aplicar nunha gran variedade de superficies, como patios ou beirarrúas, e que resulta altamente resistente, sendo capaz de resistir tanto as inclemencias do tempo como o paso do tráfico pesado.
Probas de aplicación
Durante as últimas semanas, o persoal municipal de obras e servizos estivo a realizar diferentes probas de aplicación da técnica do formigón impreso en diversos puntos de Fene. “Estas experiencias piloto servíronnos para optimizar o proceso de aplicación da técnica e avaliar sobre o terreo os resultados, que valoramos moi positivamente”, concluíu Sandra Permuy.