A vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, a directora e a adxunta á dirección da Universidade Sénior e o alcalde entregaron os diplomas
Nos vindeiros días coñeceremos os resultados das enquisas que foi cubrindo o alumnado da Universidade Sénior ao remate de cada un dos tres módulos impartidos nesta primeira edición do Programa de democratización do coñecemento, pero os primeiros datos indican que a valoración é moi boa.
O martes rematou o programa universitario para maiores de 50 anos que puxo en marcha a Universidade da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo e o financiamento da Xunta de Galicia. Para o alumnado foi unha xornada intensa, xa que pola mañá celebrouse a saída de campo polo Bosque do Añón que non puidera levarse a cabo na data prevista inicialmente por mor do mal tempo, e pola tarde tivo lugar no auditorio do Fórum Carballo, sede local da Universidade Sénior, a entrega de diplomas ás persoas participantes.
No acto interviron a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez Veiga; a directora da Universidade Sénior, Matilde García, e maila adxunta á Dirección da Universidade Sénior, Susana Iglesias Antelo, ademais do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ámbalas dúas partes –UDC e Concello- coincidiron no positiva que resultou a experiencia e reiteraron o compromiso de mantela no tempo.
Un total de 68 alumnos e alumnas maiores de 50 anos inscribíronse para participar ao longo dos meses de outubro e novembro no programa formativo, que constou de doce accións formativas –nove teóricas e tres prácticas- divididas en tres módulos: arte e patrimonio, ciencia e tecnoloxía, e saúde e benestar.