Saturday 16 de November de 2024

A rede cultural Dinamiz-artj amplía ata o 22 de decembro o prazo de inscrición de artistas e grupos


A rede cultural Dinamiz-artj das zonas de transición xusta mantivo aberto ata o pasado luns o prazo para que os grupos artísticos puidesen inscribirse no programa de cara á edición 2024. Porén, onte mesmo a Fundación Ciudad de La Energía informou da ampliación do período até o venres 22 de decembro. Neste sentido, calquera agrupación ou artista individual de música, teatro ou danza que queira entrar formar parte da rede deberá botar a súa solicitude a través desta ligazón, que require posuír certificado dixital.

Os requisitos básicos de participación en Dinamiz-artj son o de ter a maioría de idade e, no caso de grupos, que máis da metade das persoas integrantes sexan naturais ou residentes nalgunha das provincias ás que pertencen os municipios das zonas de Transición Xusta. A efectos de cumprimento desta última condición só se terán en conta as persoas que participen directamente na execución da proposta artística sobre o escenario (non contan figurantes nin persoal técnico).

Outro requisito para acceder á rede é que o grupo ou artista solicitante leve efectuadas polo menos dez actuacións nos últimos cinco anos, tomando como data de referencia o 1 de xaneiro de 2023.

Segundo asegura a web de Dinamiz-artj, integrarse no programa supón “unha oportunidade profesional” e a posibilidade de entrar nun “circuíto cultural de ámbito nacional”. E é que os espectáculos inscritos formarán parte dun catálogo en liña onde os 196 concellos das 16 zonas do Estado afectadas polo peche de centrais térmicas poderán elixir distintas actuacións para programar ao longo do ano. Nesa circunstancia encóntranse 19 municipios das provincias de Lugo e A Coruña -entre eles San Sadurniño- incluídos nos convenios da Transición Xusta das Pontes e Meirama.

Os consistorios, que tamén tiveron que solicitar a súa participación, obterán a través da rede un orzamento fixo por convocatoria que será inversamente proporcional á súa poboación, é dicir, máis cartos cantos menos habitantes. As cifras van desde os 2.800 euros para municipios de máis de 20.000 habitantes até os 6.400 euros dos que teñan unha veciñanza inferior ás 500 persoas.

As bases marcan, polo tanto, unha sorte de discriminación positiva co obxectivo de favorecer a dinamización cultural dos territorios con menos habitantes e cuns recursos económicos máis reducidos. San Sadurniño, que tamén se acollerá ao programa en 2024, disporá de 5.200 euros. Os importes consignados cubrirán o 100% das actuacións, que deberán ofrecérselle ao público de maneira gratuíta.

Os cachés artísticos pagaraos directamente a Fundación Ciudad de la Energía, de modo que os concellos só deberán habilitar os espazos para os espectáculos e elixir as propostas que máis lles interesen sen superar o tope económico que teñan asignado.

O que percibirán os grupos tamén está fixado polo programa, utilizando neste caso como criterio o número de compoñentes:

Artista individual – 400 euros/actuación
Grupos de dúas persoas integrantes – 800 euros/actuación
Grupos de tres integrantes – 1.200 euros/actuación
Grupos de catro integrantes – 1.600 euros/actuación
Grupos de cinco ou máis integrantes – 2.000 euros/actuación
A estes importes aplicaránselles os impostos correspondentes e practicaráselles a correspondente retención de IRPF ou as retencións fiscais legalmente establecidas. Nestas cantidades fixas van incluídos os gastos en concepto de dietas, desprazamento e/ou aloxamento. Cómpre lembrar de novo que só se remunerará polo número de artistas da agrupación que participen directamente na execución da proposta sobre o escenario, independentemente do persoal técnico ou de figuración que requira cada actuación.

As bases de Dinamiz-artj indican que artistas e grupos deberán facer constar na solicitude en que provincias incluídas no programa están en disposición de actuar. Son 15 en total, repartidas por Galicia (só parte da Coruña e Lugo), Castela e León, Castela a Mancha, Aragón, Euskadi, as Illes Balears, Asturies e Andalucía.

Trala ampliación do prazo, o último día para botaren as instancias será o próximo venres 22 de decembro ás 15:00h. O trámite ha de facerse obrigatoriamente por vía telemática.