A entrega do galardón realizarase o xoves 14 na Coruña, no marco do I Encontro da xestión deportiva de Galicia
O xurado dos XIV Premios Galicia á Xestión Deportiva decidiu outorgar ao Concello de Carballo o galardón á mellor entidade pública do 2023. O recoñecemento farase oficial este xoves 14 de decembro, no marco do I Encontro da xestión deportiva de Galicia, que se celebrará no Nordés Club Empresarial da Coruña, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.
O evento comezará ás 19.00 horas cun coloquio con deportistas olímpicos sobre o futuro do deporte social e cidadán no que participarán Fernando Romay, Sofía Toro, Marta Bobo e Isidoro Hornillos. Unha hora máis tarde realizarase a entrega de premios, e para rematar está prevista unha cea-cóctel.
O xurado estivo composto por Eduardo Blanco Pereira, presidente de Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos); Patricia Pérez Galiñanes, vicepresidenta da mesma entidade; Xurxo Dopico Calvo, en representación da Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da UDC; Juan Luis Rodríguez Cudeiro, da Federación Galega da Prensa Deportiva; Iván Clavel San Emeterio, xerente da Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Henrique Xoán Rodríguez Pantín, presidente do COLEF-Galicia; Jesús Alberto León Vázquez, da Fegamp, e Pablo Tenreiro Varela, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Josefina Maestu Almeida, vicesecretaria de Agaxede e presidenta da Federación Galega de Montaña, exerceu como secretaria, e Cristian Florín Gavril, tamén de Agaxede, como coordinador.
O palmarés completo é o seguinte:
• Premio ao mellor xestor deportivo: Amador Riveiro Rodríguez (CEO da empresa Th Wel-Being Lab)
• Premio ao mellor concello de menos de 15.000 habitantes: Concello de Cervo
• Premio á mellor entidade pública: Concello de Carballo
• Premio á mellor entidade privada: empresa Máis que auga
• Premio ao mellor estudo ou innovación: Club Ciclista Padronés-Cortizo
• Premio ao mellor patrocinio deportivo: Gadisa
• Premio á xestión sostible no deporte: Club Marcha Nórdica Nordic Club
• Premio á xestión deportiva de inclusión social: Fundación Abrente-ENKI
• Premio á mellor actividade ou programa deportivo: Imua Paddle Surf Aguete
• Premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero: Silva Sociedade Deportiva
• Premios de recoñecemento especial “José Luis Salvador”: Cristian Florín Gavril, coordinador de Agaxede, e Fernando Soria Dorado, director de España se mueve.
SOBRE AGAXEDE
Agaxede nace en 1998 con vocación de servizo ás persoas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva. O I Encontro da xestión deportiva de Galicia que se celebrará este xoves é unha iniciativa de Agaxede e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar como experiencia de networking, e supón, xunto coa gala de entrega dos premios, o acto de peche do 25º aniversario de Agaxede.
O encontro xorde con vocación de continuidade con carácter anual para distinguir ás persoas e entidades que destacan pola procura da calidade e a excelencia na dirección e xestión do deporte en Galicia.