Friday 22 de November de 2024

Noa Díaz esíxelle á Xunta a reforma integral do CEIP Vite I con pasarela que conecte os patios exteriores


A deputada socialista insiste nos problemas de antigüidade do centro, sen ningunha reforma de envergadura nos 42 anos de vida e na urxencia dunha intervención: “vaia un luns ao centro e comprobe a auga que sae das billas”

O goberno galego comprometeuse a redactar un proxecto de rehabilitación integral no 2024

O PSOE arrincou hoxe o compromiso do goberno galego de redactar no 2024 o proxecto de rehabilitación integral para ser executado “canto antes”. Foron as palabras do secretario xeral técnico logo de ser preguntado pola deputada socialista, Noa Díaz, que recordou a insistencia dos socialistas neste tema e a escasa receptividade por parte da Xunta: “é a terceira vez que levamos este tema, a primeira en 2022, na que o PP votou en contra”.

Díaz insiste na urxencia dunha actuación de calado con graves problemas de antigüidade na instalación eléctrica e fontanería, accesibilidade e uns patios que non son inclusivos. Así, os socialistas propoñen a construción dunha pasarela que conecte todos os patios exteriores para que o alumnado con discapacidade e mobilidade reducida “poida compartir momentos de lecer cos seus compañeiros e non teñan que agardar noutros espazos porque non hai posibilidade material de acceder a determinados lugares”.

Lembra a deputada socialista que o propio goberno galego admitía en abril que se trataba dun centro escolar con certa complexidade, xa que estaba construído en tres niveis, e xa entón falaban dun proxecto cunha serie de ramplas para acceder a todos os patios, “alegaba vostede dispoñibilidade orzamentaria, houbo ou non?” preguntou Díaz.

Reclamando un paso máis aló, Díaz insistiu na necesidade de, ademais de que os patios sexan accesibles, sexan tamén inclusivos. Nese sentido, solicitou ao goberno galego que inclúa o centro nas previsións do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, defendendo os patios de xogo “como zonas coeducativas e participativas, onde as nenas e nenos deben socializar en igualdade de condicións”.

“Vaia un luns ao centro e comprobe a auga que sae das billas”

Na reforma integral que, defenden os socialistas, é imprescindible “logo de máis de 20 anos sen ningunha obra de envergadura” a modernización da instalación eléctrica e a revisión da fontanería. Díaz insistiu na urxencia desta actuación: “convídoo a que vaia un luns ao centro e comprobe a auga que sae das billas” interpelou a deputada por Santiago ao responsable da Xunta de Galicia.