Poderán participar no percorrido ata un máximo de 235 nenos e nenas
O Concello da Coruña abrirá o vindeiro luns, 18 de decembro, o prazo para inscribirse como figurante da Cabalgata de Reis, que se celebrará na tarde do 5 de xaneiro. A convocatoria está destinada a menores de idade que a 1 de xaneiro de 2024 teñan unha idade comprendida entre os 7 e os 11 anos.
As prazas máximas ofertadas nesta convocatoria serán 235. Non obstante, o número exacto determinarase no momento de adxudicárense as prazas. Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey quere implicar os nenos e nenas da Coruña nunha celebración moi esperada por todos eles e elas.
O período de solicitude comezará o luns 18 ás 9.00 horas e finalizará o mércores 20 ás 14.00 horas. As persoas interesadas e os seus titores legais poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario que será habilitado na páxina web municipal www.coruna.gal. O 22 de decembro publicarase a listaxe provisional de persoas solicitantes e abrirase un período de alegacións ata o 26 de decembro. O 28 de decembro publicarase a listaxe definitiva de solicitudes.
O sorteo de prazas será o 29 de decembro ás 12.00 horas nas dependencias do Servizo de Cultura. Asignaranse prazas en todas as carrozas municipais, así como nos trens, coa única excepción dun tren, que terá carácter solidario. En total, as persoas solicitantes que resulten agraciadas serán situadas en 12 vehículos, incluíndo as carrozas das súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar. Unha vez finalizado o sorteo, publicarase a relación de persoas con praza na páxina web municipal.
As persoas agraciadas deberán presentar a inscrición cuberta e asinada xunto coas normas que teñen que cumprir o 4 de xaneiro no Coliseum, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.30 horas. Recibirán nese momento toda a documentación coas instrucións necesarias para participar na Cabalgata de Reis.