É o mellor resultado das tres edicións celebradas ata o de agora no concello
A campaña ‘Un Nadal para todos’ acadou nesta terceira edición os mellores resultados rexistrados ata o de agora. En total contabilizáronse máis de 1.100 produtos e alimentos doados polos veciños e veciñas de Ordes nas últimas semanas. Unha cifra que supera con creces os arredor dos 700 acadados nos dous outros anos.
Nesta ocasión hai que falar do traballo conxunto levado a cabo entre o Departamento de Servizos Sociais de Ordes, Cáritas e Cruz Vermella Ordes. A idea é repartir todo este lote entre noventa familias das máis necesitadas do municipio. Un xeito de contribuir para que nas súas mesas non se bote nada de menos nas vindeiras celebracións de Nadal. De feito os organizadores traballan a reo para ter repartidos todos os produtos antes de Noiteboa.
Firmas como Covirán, Eroski, Gadis, Día, Froid, e Feiraco fixeron posible os bos resultados desta campaña, xa que ademais de depositar os contedores tamén botaron dentro deles as súas doazóns. Pola súa banda unha vez máis o pobo de Ordes puxo de manifesto a súa xenerosidade.
Susana García, concelleira de Servizos Sociais de Ordes; Mari Carmen Pérez, vicepresidenta de Cruz Vermella Ordes; e Pedro Regueira, de Cáritas Ordes, celebraron recentemente unha xuntanza de traballo. Nela valoraron a posta en marcha e o desenvolvemento da campaña, así como os seus resultados. A cita aproveitouse tamén para organizar o reparto do xeito máis efectivo. Todos e cada un deles manifestaron a súa satisfación por emprender conxuntamente iniciativas deste tipo, e non descartaron outras futuras colaboracións dirixidas a colectivos en risco de exclusión social.