Friday 22 de November de 2024

Neda activará nas vacacións escolares a súa “Biblioteca do Nadal” con distintas actividades para o público infantil


A Casa da Cultura de Neda reforzará nas próximas festas a súa oferta de lecer para o público infantil. E así, baixo o paraugas da “Biblioteca do Nadal”, proporá distintos obradoiros pensados para o encontro e desfrute dos verdadeiros protagonistas destas datas especiais: os máis pequenos e pequenas da casa.

Durante o mes de decembro, e aproveitando as vacacións escolares, o centro municipal programará un total de tres talleres para achegar aos nenos e nenas aos libros, e promocionar a súa sala de lectura infantil. Nesta liña, o centro vén de estrear unha mostra bibliográfica cos títulos, ambientados no Nadal, que se poden atopar no seu catálogo de préstamos.

A “Biblioteca de Nadal” activarase o xoves 21, a partir das 17 horas, coa proposta “Un Nadal creativo”, que convidará á rapazada a deseñar a decoración do espazo infantil, que acollerá durante o período vacacional as actividades.

A segunda proposta chegará o martes 26, a partir das 11.30 horas, e levará por título “Un Nadal de contos”. Trátase dunha sesión de contacontos, orientada a descubrir aos máis cativos o pracer da lectura en familia, e a animar aos participantes a incluír na súa carta aos Reis Magos algún libro.
E por último, “Un Nadal de postal”, o xoves 28, a partir das 11.30 horas, convidará aos participantes a deseñar a súa propia tarxeta de felicitación do Aninovo, buscando a inspiración nalgunha das obras clásicas de Nadal dispoñibles no centro.

As actividades contarán con prazas limitadas e será preciso anotarse chamando previamente ao 981 39 02 33.