Friday 22 de November de 2024

A iniciativa pobrense Consigue Caramiñas, Comparte Nadal xa repartiu as primeiras caramiñas


Miriam Paz Castro, Marta Lorenzo Fernández e Iván Moure Raño foron as persoas afortunadas nos primeiros días da acción orientada ás redes sociais no seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal, que sortea 200 euros diarios en formato de vale/caramiñas para trocar nos comercios e negocios locais adheridos.

Recibiron as súas caramiñas da man da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, no Fogar do Nadal. A edil explica que esta é unha das medidas impulsadas pola Administración local para a dinamización económica e social do municipio por estas datas. Esta iniciativa abrangue o período do día 3 de decembro ao 5 de xaneiro e inclúe tamén o gran premio da viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa Congalsa e que se dará a coñecer a comezos do vindeiro ano entre tódalas imaxes tomadas dende o inicio da actividade.

Para participar resulta preciso tomar instantáneas nos photocall coñecidos como Recunchos do Nadal e compartilas no apartado de historias do Instagram, que debe ser público, mencionando a conta @caraminhasnapobra. Os espazos están habilitados onda o parque do Castelo, na praza de Galicia, na praza dos Irmáns Axeitos, no parque de Raquel Fernández Soler e no Fogar do Nadal.