Saturday 16 de November de 2024

A Xunta transferirá case 19M€ ás universidades públicas galegas para contratar un cento de tecnólogos como soporte da súa actividade de I+D+i


— O conselleiro de Educación e os tres reitores asinan o acordo para reforzar este persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación

— O Plan Reforza inclúe por primeira vez financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo

— A USC recibirá unha achega de case 7,6M€ para arredor de 47 tecnólogos, a UVigo case 6M€ para uns 29 e a UDC case 5,3M€ para aproximadamente 34 tecnólogos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá un convenio para reforzar o persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación, así como para a consolidación de estruturas de investigación.
No marco do Plan Reforza da Investigación Universitaria, o acordo suporá unha inxección por parte da Xunta ás tres universidades públicas galegas de case 19M€. Isto permitiralles contratar un cento de tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.
En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá unha achega de case 7,6M€ para a contratación de arredor de 47 tecnólogos, a de Vigo case 6M€ para uns 29 e a da Coruña case 5,3M€ para aproximadamente 34 tecnólogos.
O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou o novidoso desta acción, “que inclúe por primeira vez financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo”. “O plan vén dar pulo ao papel das universidades galegas neste eido, que representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento”, destacou.

“A Consellería de Educación apoia activamente este sistema desde hai anos, ofrecendo certezas e estabilidade ao persoal investigador”, explicou o conselleiro.

Xestores de I+D+i especializados
O Plan Reforza da Investigación Universitaria 2023-2026 establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.

Os tecnólogos contratados serán profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a posta en valor de resultados de investigación, a protección da propiedade intelectual, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.

Estes profesionais actuarán de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferencias culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Deste xeito, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.