Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño inviste 159.500 euros en melloras viarias na zona máis elevada do municipio


En marcha dous grandes proxectos cos que se repararán cerca de 6 quilómetros de pistas

 

O núcleo da Abelleira, en Naraío, conta desde hai tan só uns días cun novo firme aglomerado que enlaza as casas máis afastadas coa pista principal. A actuación, duns 400 metros de distancia, correspóndese coa fase 2023 do Plan de Camiños financiado pola AGADER. Dentro del o Concello tamén executará a principios do ano que entra a segunda fase, que consistirá na reparación co mesmo tipo de pavimento do tramo que vén desde o cruzamento da Grúa, no límite coa Capela, ademais de asfaltar de novo o trazado que prosegue até Racamonde. A obra adxudicóuselle en algo máis de 87.000 euros á construtora Hordescon. Este non será o único investimento na zona, xa que tamén se lle acaba de contratar a José No Mantiñán e Hijos un paquete viario valorado en 72.500 euros -financiados neste caso co POS+- co que se acondicionarán as pistas do Lugar do Monte, o Pousadoiro, Racamonde de Abaixo e dous segmentos en Lourido e en Solposto. A factura total de ambos proxectos sumará, polo tanto, os 159.500 euros cos que se acondicionarán case seis quilómetros de pistas municipais.

A execución da obra do Plan de Camiños virá darlle continuidade a outras efectuadas nos últimos anos na banda sur de San Sadurniño, co obxectivo de incrementar e regularizar o ancho e proporcionarlle maior durabilidade a todos os tramos que conectan o fondo de Naraío co límite da Capela.

Neste sentido, desde 2020 leváronse a cabo os treitos Eirexado-Lourido, Lourido-Quintiá e Quintiá-Cruzamento da Grúa. É dicir, 4,6 quilómetros de percorrido aos que agora se lle van sumar outros 1.100 metros con idéntico tipo de pavimento.

Parte deles xa quedaron listos hai uns días, concretamente os 400 metros que discorren polo medio do núcleo principal da Abelleira. Alí a empresa Hordescon estendeu unha nova capa de rodadura de maior grosor e adherencia empregando como base o antigo asfalto, ao que foi necesario limparlle antes as cunetas e corrixirlle os desperfectos máis profundos.

Ademais, dentro deste proxecto acollido á subvención de 74.000 euros da Agader -os 13.000 euros restantes poraos o Concello- tamén se incluíu o asfaltado integral da pista que vai desde A Abelleira ata Racamonde de Arriba (cerca de 1,5 km), seriamente danada en varios puntos. Agárdase que esta segunda fase da obra se execute tralo Nadal, nos primeiros días de 2024, sempre que o tempo acompañe.

Fondos da Deputación para outros camiños da zona
Estas melloras, nas que se investirán 87.018,86 € , non serán as únicas na zona, que é a máis elevada de San Sadurniño e tamén a máis afastada do centro urbano e xeográfico do municipio.

E é que con cargo a fondos provinciais tamén se van asfaltar outras pistas que enlazan co eixo A Grúa-A Abelleira, como son a do Lugar do Monte (870 m), a pista do Pousadoiro (1.290 m) e un tramo de 300 metros en Racamonde de Abaixo.

Estoutro paquete viario, adxudicado a semana pasada a José No Mantiñán e Hijos en 72.508,03 euros, tamén contempla a reparación do camiño de Solposto (730m), en Igrexafeita, e un tramo de 90 metros do núcleo de Lourido, en Naraío. O proxecto levarase a cabo tamén no arranque do novo ano.