Saturday 16 de November de 2024

A carreira C21, referente nacional dos medios maratóns, celebrarase o 25 de febreiro de 2024


A XVI edición desta proba contará, un ano máis, cun percorrido paralelo de cinco quilómetros para animar á práctica deportiva

O medio maratón C21 xa ten data oficial no calendario de carreiras populares coruñesas do 2024: será o 25 de febreiro. Con esta carreira, o Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, mantén o seu compromiso coa disputa dunha das probas desta distancia máis importantes de España.

A XVI edición do Medio Maratón Coruña21 contará cunha distancia homologada pola Real Federación Española de Atletismo de 21.097,50 metros e estará incluída no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo e da RFEA. O circuíto será totalmente urbano, o que permitirá a consecución de boas marcas persoais dos e das atletas, e publicarase xunto co regulamento da proba na páxina www.carreirasgalegas.com.

A carreira estará baixo o control técnico do Comité Nacional de Xuíces da RFEA e do Comité Galego de Xuíces da FGA. Espérase a participación de destacados corredores e corredoras do circuíto nacional, que estarán repartidos en 10 categorías: Sub 20, Sub 23, Sénior, sete categorías Máster e unha de atletas con discapacidade. A proba repartirá máis de 15.000 euros en premios aos mellores clasificados, incluíndo un premio especial de 1.000 euros á persoa que consiga bater o récord da C21, fixado en 1 hora, 1 minuto e 40 segundos na categoría masculina e 1 hora, 11 minutos e 16 segundos na categoría feminina.

Por outra banda, un ano máis, o Concello da Coruña aposta pola celebración simultánea dunha proba 5K, que comezará ás 9.35 horas, cinco minutos despois da saída da carreira C21. Percorrerá unha parte do trazado do medio maratón, con saída desde o Obelisco para ambas probas. As inscricións ábrense este martes, 12 de decembro, na páxina web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com. Estará operativa ata o martes 20 de febreiro ás 23.59 horas.

O Goberno de Inés Rey está a traballar da man da Federación Galega de Atletismo no calendario de carreiras populares do 2024. En vindeiras datas presentarase a undécima edición do circuíto Coruña Corre.