A edición especial de Nadal de Compostela Gastronómica comeza mañá cunha degustación de balde de escumosos e castañas de Galicia
A edición de Nadal de Compostela Gastronómica, que se celebrará entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro, comeza mañá cunha degustación de balde de escumosos e castañas de Galicia, de 12.30 a 14 h no Mercado de Abastos.
As actividades de Compostela Gastronómica, edición Especial Nadal, inclúen un ciclo de 18 obradoiros para todos os públicos, que se celebrarán na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos; así como degustacións, visitas guiadas polo mercado e propostas de bares e restaurantes da cidade.
O martes 22, Luisa García propietaria do hotel A Quinta da Auga, e Xosé Signiorini, da floristería Adria en Bertamiráns, impartirán o obradoiro “Viste a túa mesa de Nadal”. O 23 de decembro Manel Oliveira da Tapería Castelao, Kike Piñeiro da Horta D’Obradoiro e Mari Carmen de Peixes Mari Carmen no Mercado de Abastos adicarán o seu obradoiro aos produtos do noso mar. O sábado 26 de decembro o reposteiro Manuel Garea da pastelaría Trisquel elaborará sobremesas propias destas datas.
O 29 de decembro as cociñeiras Vanesa Vera da Horta D’Obradoiro e Ángeles Mallo do Curro da Parra, proporán no seu obradoiro pequenos bocados orixinais e de fácil elaboración para estas datas. Ese mesmo día, a chef australiana Sarah Stothart impartirá un obradoiro de receitas de zumes naturais feitos con produtos galegos do mercado.
Por último, o 30 de decembro impartirase o obradoiro “Receitas de Nadal de Álvaro Cunqueiro” no que Alberto Lareo do restaurante Manso elaborará algunhas das súas receitas para o Nadal mentres que Soledad Felloza nos achega ao escritor cos seus relatos.
Ademais, o programa inclúe catas de degustación das adegas Lagar de Besada, Mar de Frades e Pablo Padín.
Visitas guiadas e obradoiros infantís
O sábado 2 de xaneiro, Compostela Gastronómica Nadal propón un novo xeito de percorrer o Mercado de Abastos, cunha ruta guiada polo cociñeiro Iago Pazos que remata coa degustación dun vermú galego no Abastos 2.0.
O Aula Gastronómica tamén acollerá nove obradoiros infantís, nos que os máis cativos aprenderán a facer pratos sinxelos e divertidos para estas datas, como bombóns de arroz con leite, colares de castaña e chocolatada, mini-tortas de Santiago ou Sanandresiños comestibles.
Finalmente, diferentes restaurantes da cidade ofrecerán as súas propostas específicas vencelladas ao produto da tempada de Nadal. O programa pode consultarse na web www.compostelagastronomica.es. As inscricións poden facerse a través desta mesma páxina ou na oficina de información de Turismo de Santiago.
Compostela Gastronómica é unha iniciativa con vocación de continuidade e de converterse en plataforma e punto de referencia da cultura gastronómica galega, para amosar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia, e moi especialmente os de Santiago e arredores. Unha marca paraugas baixo a que se inclúen iniciativas gastronómicas de interese para os turistas, a poboación local e o sector da restauración e servizos asociados ao longo de todo o ano.