Saturday 16 de November de 2024

Carral aposta pola conciliación e por ofrecer actividades de lecer co lanzamento dos seus campamentos de Nadal


· O Concello organiza unha oferta específica para nenos e nenas nados entre 2013 e 2020 e outra para mozos e mozas que naceran entre o 2008 e o 2012.

Carral continúa impulsando medidas para promover a conciliación da vida laboral e familiar e, ademais, para ofrecer propostas de lecer en datas sinaladas. Proba deste compromiso será a organización dos campamentos de Nadal. Por unha banda, haberá unha oferta específica para os nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2020. Pola outra, o Concello levará a cabo tamén un programa para os rapaces e rapazas nados entre o 2008 e o 2012.

O edil de Deportes e Xuventude, Francisco Bello, sinala a importancia de manter este tipo de iniciativas, coas que se busca “ofrecer alternativas de conciliación ás familias e garantir, no caso dos mozos e mozas, que haxa actividades de lecer que sexan do seu interese durante os períodos non lectivos”.

Para os máis pequenos

Os campamentos para os nenos e nenas levaranse a cabo de luns a venres, de 7.30 a 16.30 horas, entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro (agás nos días festivos). Entre as 7.30 e as 10.00 horas terá lugar o programa Madrugadores, desde as 10.00 ata as 14.00 horas, serán as actividades do campamento e, por último, entre as 14.00 e as 16.30 horas é o tempo de xantar. As propostas de lecer consistirán na realización de actividades multideportivas, socioculturais e da práctica de deportes de inverno.

Propostas para os mozos

No caso dos maiores, as actividades terán lugar a cabo nas mesmas datas (do 22 ao 5 de xaneiro, agás nos festivos) e en horario de 10.00 a 14.00 horas. Estas desenvolveranse no Local Interxeracional de Carral, incluíndo propostas de tipo deportivo e tamén obradoiros e manualidades.

Prazo de inscrición

O prazo de solicitude estará aberto ata o martes, 19 de decembro, ás 14.00 horas. As inscricións poderán tramitarse a través do formulario en liña dispoñible na páxina web do Concello ou, de xeito presencial, na Casa da Cultura.