Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a implicación dos sectores público e privado na loita contra o cambio climático como clave de que Galicia sexa referente neste eido


— Ángeles Vázquez pon en valor as estratexias postas en marcha polo Executivo galego relacionadas co cambio climático e a enerxía, a economía circular, a lei de residuos e solo contaminados, o pacto das alcaldías ou a alianza galega polo clima

— A vicepresidenta segunda lembra que a Administración autonómica seguirá apoiando en 2024 as actuacións de urbanismo responsable, a cultura do fermosismo e o acceso á vivenda tanto mediante apoios á compra como mediante a rehabilitación

A Xunta aposta pola implicación dos sectores público e privado na loita contra o cambio climático con múltiples accións que fan que a comunidade estea á cabeza das rexións europeas con maior resiliencia ante este fenómeno medioambiental.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou durante a súa participación na xornada Diálogos no Atlántico: Sociedade e Impacto Positivo que o Executivo galego puxo en marcha distintas iniciativas que converten á comunidade nun dos territorios que lideran a acción climática e enerxética en España.
A representante da Xunta puxo como exemplo a aprobación en 2019 da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, á que se uniron posteriormente a Estratexia de Economía Circular 2030 ou a Lei de Residuos e Solos Contaminados.
No eido da colaboración con outras administracións ou entidades, Ángeles Vázquez lembrou que o Executivo galego promoveu o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que xa se sumaron 385 concellos -dos que máis do 90% xa presentaron o seu Plan de acción polo clima e a enerxía sostible- e polo que Galicia foi posta pola Comisión Europea como exemplo de éxito neste eido.
A maiores deste pacto, a comunidade promoveu a Alianza Galega polo Clima, á que xa se adheriron preto dun cento de entidades e que busca implicar ao tecido produtivo na loita contra o cambio climático. Estas estratexias, salientou a vicepresidenta segunda, pretenden aumentar a resiliencia da autonomía neste ámbito e manter a súa posición de liderado a nivel europeo para facer fronte a este fenómeno.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puxo en valor que, co obxectivo de favorecer as sinerxías e apoiar tanto ás entidades locais como ás empresas, o Goberno galego destinará nos próximos anos 5,5 millóns de euros de orzamento a poñer en marcha e manter os servizos de asesoramento especializado para proxectos cos que mitigar os efectos do cambio climático ou relacionados coa xestión eficiente dos residuos.
A titular da Vicepresidencia Segunda tamén salientou outras medidas como a Guía da contratación pública ecolóxica ou a decisión de que a partir de 2024 as novas construcións de edificios públicos deban incorporar unha porcentaxe mínima da súa estrutura en madeira, algo que xa se fai nas vivendas públicas rehabilitadas polo Executivo autonómico.
Todas estas accións pretenden contribuír, xunto coa futura lei do clima de Galicia, a que a comunidade acade a neutralidade climática en 2020, avanzando así nunha cuestión na que xa é líder nacional pois rexistra unha de cada cinco toneladas de carbono que se absorben en España.
Nesta liña, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta destina máis de 200 millóns de euros en 2024 á loita contra o cambio climático, a aposta pola resiliencia e a eficiencia na xestión dos residuos. Entre esas medidas inclúense accións de urbanismo responsable ou de corrección dos impactos paisaxísticos fomentando a cultura do fermosismo, unha política que xa chegou a máis do 85% dos municipios galegos.
Retención do talento
A vicepresidenta segunda tamén incidiu en que Galicia está comprometida coa retención de talento coa posta en marcha de distintas políticas que contribúen a vertebrar o rural e facelo atractiva para a xente nova. Entre elas, destacou as axudas á compra de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes dirixidas a menores de 35 anos, as axudas para recuperar inmobles de titularidade municipal, as áreas de rehabilitación integral supramunicipal ou rebaixas fiscais relacionadas coa adquisición de vivenda.
A xornada Diálogos no Atlántico: Sociedade e Impacto Positivo, organizada polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), analiza distintas cuestións como o cambio climático e a sostibilidade na axenda pública, o territorio como espazo de valor compartido ou a importancia de reter talento por tratarse de capital humano vital para o desenvolvemento da sociedade.