O Concello de San Sadurniño acaba de adxudicar en 43.985 euros o contrato de reparación da ponte do Pozo de Lamas, en Igrexafeita. O proxecto consistirá na instalación dunha nova plancha de formigón e na reconstrución completa dunha das rampas, totalmente estragada polas riadas dos últimos anos. Tal e como apuntou o alcalde, Secundino García, trátase dunha obra “moi necesaria” demandada pola veciñanza no proceso do orzamento participativo que, porén, deberá agardar a que veña mellor tempo para poder executarse. Dela encargarase a empresa local Construcciones Daylu, despois de que a primeira licitación quedase deserta por falta de ofertas.
O pontigo do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, é o principal punto de acceso aos terreos situados na ribeira sur do río Castro, ademais de ser a única maneira de entrar na área recreativa situada uns metros máis abaixo. A súa estrutura viuse afectada por sucesivas enchentes que non só provocaron o debilitamento da construción, senón que tamén comeron boa parte do terreo circundante deixando á vista grandes rochedos e facendo practicamente imposible o paso de tractores e outra maquinaria necesaria para os labores agrícolas e forestais.
O proxecto da súa reparación deseñouse xa a principios deste ano. Pero antes de licitalo, o Concello tivo que tramitar as correspondentes autorizacións perante Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, posto que a zona é Rede Natura 2000. Ademais tamén foi necesario pedir informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de cara a asegurar a súa correcta integración na paisaxe.
Coa obra está previsto refacer a ponte conservando os dous soportes principais, pero retirando o punto de apoio central -o pontigo quedará cun só ollo- e instalando un novo taboleiro de formigón armado de 3,40 metros de ancho dotado con varandas metálicas. Tamén se adaptarán as cotas dos camiños en ambas marxes, asegurando na parte sur unha correcta drenaxe das enchentes, especialmente fortes nese punto onde o regato de María Queira conflúe co río Castro.
O alcalde, Secundino García, apunta que a reparación da ponte “é unha petición veciñal” presentada en varias asembleas do Orzamento participativo celebradas en Igrexafeita. García precisa que se trata dunha obra “obxectivamente moi necesaria para poder atender os montes e propiedades situados na beira sur do Castro, incluída a área recreativa”.
O Concello incluiu a intervención no Plan Complementario do POS+ 2023 en espera de que a Deputación confirmase a dispoñibilidade de fondos para executala. Unha confirmación que chegou a mediados do verán, de modo que a Administración local puido licitar o proxecto a finais de agosto confiando en telo adxudicado a comezos do outono e que puidese quedar listo antes do inverno. Porén, esta previsión viuse trastocada polo feito de que non se presentou ningunha oferta para facer a obra, o que obrigou ao consistorio a recorrer á adxudicación como contrato menor, que recaeu en Construcciones Daylu por un prezo de 43.985 euros, impostos incluídos.
O Goberno local calcula que os traballos poidan iniciarse a principios de 2024, tendo en conta que “o tempo non é nestes momentos o máis axeitado para traballar” e que as empresas construtoras adoitan parar durante a segunda quincena de decembro.