Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra efectúa melloras en tres instalacións deportivas municipais


Na senda de soluciona-las necesidades detectadas nas dependencias deportivas municipais coa finalidade de contribuír ao correcto desenvolvemento da actividade dos clubs e persoas usuarias, a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal acometeu nestas datas unha serie de melloras en tres instalacións por un investimento de preto de 70 000 euros.

O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, acompañado da técnica municipal desta área, Ana Romero, explicou polo miúdo en que consistiu cada unha das actuacións que chegan despois de que finalizase a renovación do pavillón de Venecia nos pasados meses.

Así, no estadio municipal da Alta procedeuse co esparexemento de grava na entrada para evita-las pozas de auga pola chuvia, construíuse unha soleira de cemento fronte ás oficinas de atletismo, habilitáronse chanzos intermedios para facilita-lo acceso ás bancadas e solucionáronse os problemas de filtracións na cabina de retransmisión. O importe supera os 32 000 euros e a obra foi adxudicada a Construcciones Tubío Lumasa S.L.

Tamén se interveu na estrutura do polideportivo municipal da Tomada, concretamente nas columnas para resolve-las filtracións, por máis de 21 000 euros, da man de Construcciones y Reformas Tubisán S.L.

E, no que respecta ao edificio de usos náuticos, efectuouse un incremento do espazo na parte traseira á espera de concluí-los trámites con Portos de Galicia que permitan que o proxecto de mellora e ampliación se converta nunha realidade co cofinanciamento da Deputación da Coruña. A empresa Cerrajería Paz García S.L. executou estas tarefas por 9 500 euros.