Friday 22 de November de 2024

O alumnado coruñés presenta as súas propostas participativas ao Goberno de Inés Rey


Nove grupos de tres colexios da cidade participaron na sexta edición do programa Sementando Educación

A alcaldesa destacou a calidade dos proxectos e animou aos nenos e nenas a seguir participando de forma activa na cidade

Máis dun cento de nenos e nenas da Coruña se achegaron esta mañá ao Centro Ágora no marco da sexta edición do programa ‘Sementando Participación’ para presentar as súas propostas ao Goberno de Inés Rey. O proxecto é unha iniciativa que busca achegar ás aulas o coñecemento dos dereitos da infancia con especial atención ao dereito á participación, fomentando a súa capacidade e pensamento críticos.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a calidade dos proxectos e animou aos nenos e nenas a seguir participando de forma activa na cidade. “Cada vez son máis os nenos e nenas que queredes participar e nós temos que ser capaces de darvos máis espazos coma este no que vós sodes os verdadeiros protagonistas” explicou. Rey reivindicou as iniciativas educativas postas en marcha relacionadas coa participación. “A semente da participación non se rega só neste acto, tamén con outras iniciativas coma o Consello Municipal da Infancia ou o Pleno Infantil” sinalou.

Nove grupos de quinto e sexto de primaria, procedentes de tres colexios, presentaron os seus proxectos. Dende o Colexio Alborada achegaron propostas iniciativas en materia de seguridade viaria e equipamentos. O Colexio Calasancias, con catro grupos, achegaron diferentes iniciativas en materia de sostibilidade e mellora das áreas peonís así como un refuxio para animais. E no canto do Fogar de Santa Margarida, centráronse na mobilidade sostible e BiciCoruña así como en espazos de ocio para a mocidade.