Co remate do ano volve o calendario de xuntanzas polas parroquias para pulsar as demandas e necesidades que queira expresar a veciñanza, co obxectivo de poder incorporar ao orzamento municipal aquelas que sexan competencia do Concello e que, ademais, sexan factibles con recursos propios ou acudindo ao financiamento doutras Administracións. As reunións comezan este mércores 13 de decembro no novo centro sociocultural de Labacengos, que se estreará para a ocasión, continuando nas datas seguintes polo resto do territorio.
Todas as asembleas veciñais están postas para as 19:30h e desde o Concello prégase a máxima puntualidade para non demorar o seu comezo nin meterse na noite máis da conta. Tamén é importante levar ben meditadas as iniciativas que se queiran presentar na asemblea, procurando que sexan verdadeiramente necesarias, que beneficien ao maior número posible de persoas e que sexan asumibles cos recursos que ten o Concello ao seu alcance.
Desde a Concellaría de Participación veciñal lémbrase, ademais, que non todo teñen por que ser obras e infraestruturas, senón que tamén hai cabida para suxerir outro tipo de actuacións -culturais, deportivas, dirixidas ás persoas maiores, etc.- que axuden a reforzar as programacións e servizos municipais ou ao desenvolvemento integral de Moeche.
Os lugares e datas programados son os seguintes (insistimos, ás 19:30h):
Labacengos: mércores 13 de decembro no novo centro sociocultural Lapatiencos (preto da Igrexa)
San Xoán: xoves 14 de decembro na Casa do Concello
Abade: luns 18 de decembro no local social de Trieiro
Santa Cruz: martes 19 de decembro no antigo local electoral (no boletín Andaina indicábase por erro que ía ser na Casa do Concello)
San Xurxo: mércores 20 de decembro no local social do Pereiro
Quen non poida asistir ás xuntanzas programadas e queira contribuír á mellora de Moeche coas súas ideas, poderá achegalas a través de correo@moeche.gal, presentándoas no Rexistro municipal ou empregando a Sede Electrónica. En todos os casos deberase utilizar a ficha normalizada descargable desde esta ligazón.