Está aberta a inscrición nas dúas actividades
A primeira tenente de alcalde do Concello de Riveira, Fabiola García Martínez, presentou no día de hoxe dúas actividades que servirán para promover a práctica do deporte nesta época de celebración. Trátase da sexta edición da Ruta BTT do Nadal e a quinta edición da Carreira do Nadal.
A representante municipal estivo acompañada neste acto dos presidentes do Club Ciclista O Saltamontes e Club Atletismo Santa Uxía, Juan Santos e Susana Olveira, ademais de Javier Regueiro, vixente campión galego absoluto dos 400 metros lisos.
A Ruta de BTT está organizada pola Concellería de Deportes baixo a baixo a dirección técnica de Os Saltamontes. Trátase dunha actividade non competitiva na que está previsto que participen en torno a 300 ciclistas (xa hai 177 apuntados) que, como novidade desta convocatoria, terán a opción de facer dous posibles percorridos : un de 43 km e outro menos esixente de 35 km.
A saída terá lugar ás 09.00 horas do Complexo Deportivo A Fieiteira e a chegada dos primeiros participantes estímase en torno ás 13.00 horas no mesmo lugar da saída.
Os interesados en inscribirse aínda o poden facelo ata o mércores 23 de decembro ás 12.00 horas, a través da web www.emesports.es. O custe de inscrición son 6 euros.
A dia de hoxe a inscrición supera os 170 inscritos.
Carreira de Nadal
Por outra banda, o Club Santa Uxía Atletismo organiza en colaboración co Concello de Riveira a Carreira Popular do Nadal, que terá lugar o 26 de decembro nas inmediacións do Estadio de Atletismo da Fieiteira. Comezará ás 11.30 horas coa carreira absoluta e rematará ás 13.30 horas coa proba de pitufos.
Os interesados poden inscribirse ata o xoves 24 de decembro ás 23.59 horas na web www.carreirasgalegas.com.
O prezo son 4 euros os adultos e gratuíto para o menores.
A entrega de premios desenvolverase ao remate da categoría de pitufos. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, agás nas categorías pitufo e prebenxamín, nas que non haberá nin premiación nin clasificación das carreiras e levarán medalla tódolos participantes.
Dende a organización se quixo animar aos veciños a que se inscriban nestas atractivas propostas e se agradeceu a colaboración de Policía Local, GAEM e Protección Civil de Riveira.