Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Ponteceso presentou no pleno dúas mocións con propostas para mellorar o servizo da biblioteca municipal e deseñar e desenvolver un plan director de turismo e cultura municipal


Fátima Rodríguez Gonzálvez, voceira municipal do BNG, defendeu ante o pleno sendas iniciativas para instar ao goberno municipal a mellorar a atención ao público da biblioteca municipal e para planificar o aproveitamento de todos os recursos turísticos e culturais do municipio.

O pasado día 30 de novembro, celebrouse en Ponteceso pleno ordinario e o BNG aproveitou para presentar varias mocións, entre elas unha que responde a unha iniciativa xa recollida no programa do BNG das pasadas eleccións municipais: estabilización dos horarios da biblioteca, dinamización e mellora da comunicación coas usuarias e usuarios.

Con esta iniciativa o BNG agarda rematar cunha situación que xa se prolonga durante moito tempo nas instalacións e que o novo goberno municipal aínda non resolveu, como é o peche eventual e a falla de información ás usuarias sobre estes peches eventuais, nomeadamente pola tarde, e que estas só coñecen unha vez están na porta do centro cultural, sen ter tampouco coñecemento así mesmo da restitución do horario habitual de apertura.

Esta situación, que non é nova, deuse por última vez esta mesma semana da ponte de decembro, na que a biblioteca permaneceu pechada sen máis aviso que o que podíamos ver na propia porta das instalacións cando ata alí chegabamos.

A proposta foi apoiada pola maioría do pleno, incluídos os votos do Partido Popular que ostenta a concellería responsábel desta área pero que non respectou o seu propio voto volvendo a non avisar do peche das instalacións.

Para a voceira do BNG “Esta situación supón para as persoas usuarias unha perda de confianza no servizo público e por iso é importante que a nosa proposta se leve adiante”, toda vez que a falla eventual do servizo pola tarde acarrea que a xente deixe de acudir neste horario de xeito habitual, consideramos preciso establecer unha boa canle de comunicación a fin de restaurar o uso normal do servizo polas persoas usuarias e que non se tome a decisión de pechar definitivamente a biblioteca neste horario por falta de usuarios nel.

Agardamos que o goberno municipal dea cumplimento canto antes a esta proposta e non rompa o seu compromiso conforme ao sentido do seu propio voto no pleno.
As medidas concretas que forman parte da proposta son as seguintes:

1. Que se publique (como xa pedimos na comisión de transparencia) nas canles sociais do Concello o horario actual vixente da biblioteca.
2. Que se faga uso da bolsa asociada á praza de atención á biblioteca para cubrir vacacións ou baixas médicas.
3. De ser preciso, que se abra de novo a convocatoria para ter persoal dispoñíbel na devandita bolsa.
4. Que ante circunstancias imprevistas se anuncie axeitadamente tanto os cambios de horario como a restitución do horario habitual.
5. Que se estableza unha canle de comunicación (por exemplo pero non excluínte, unha canle de Telegram que se publicite nas propias instalacións da biblioteca e nas canles do Concello para que as persoas interesadas poidan suscribirse) coas usuarias e usuarios a través da cal:
1. se lles faga saber directamente de eventuais modificacións do horario por cuestións imprevistas e do restablecimento do horario habitual,
2. se lles informe directamente das actividades que se desenvolvan na biblioteca, sen perxuizo de outras formas de difusión que se utilicen,
3. se lles traslade información das novidades incorporadas ao catálogo da biblioteca,
4. se informe dos servizos que como biblioteca integrada nas bibliotecas de Galicia temos,
5. se facilite un formulario para poder trasladar o interese na compra de títulos concretos para incorporar no catálogo da nosa biblioteca.
6. Que se organicen actividades de dinamización da lectura para todas as faixas de idade, sen perxuizo de seguir organizando contacontos para achegar ás crianzas á lectura, tamén para persoas adultas (como por exemplo, presentación de libros, tertulias con escritora/es ou clubes de lectura,…)
7. Que o Concello leve a cabo os investimentos previstos para a adquisición de novos títulos e que non reduza esta partida no orzamento de 2024.
8. Que non se tome a medida de pechar o servizo de préstamo polas tardes.