• As Súas Maxestades farán o tradicional desfile polas parroquias a partir das 15 horas, rematando no Pavillón Polideportivo Municipal con fogos artificiais
• Ás 19 horas farase a recepción no pavillón, con inchábeis, animacións, obradoiros, e rosca e chocolate de balde para todas as persoas asistentes
• Maxia, un festival de panxoliñas e a terceira edición do Concurso de Escaparates son varias das actividades incluídas durante estas semanas
• Do 26 ao 29 de decembro celébrase o programa de conciliación laboral “Nadalaxe”, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos
O Concello de Laxe presenta a súa programación de Nadal, que terá a Cabalgata e a Festa de Reis como principais alicientes dunha axenda que contará cunha gran diversidade de actividades como maxia, un festival de panxoliñas ou un campamento de conciliación, entre outras cousas.
A programación de Nadal xa se iniciou este xoves, coa celebración do Cine en Familia, onde se proxectou a película “Bella e o circo máxico” no salón de actos. O venres tivo lugar o tradicional “Acendido de Luces do Nadal” en todas as parroquias do municipio, dando comezo de xeito “oficial” ao Nadal no municipio.
A partir do vindeiro venres, 15 de decembro, comeza a terceira edición do Certame de Escaparates “Nadal no Comercio Local”, no que os establecementos locais decoran as súas tendas cunha temática propia destas datas.
O sábado, día 16, será a quenda para a maxia e a ilusión da man de Pedro Bugarín, co seu espectáculo “Galicia ilusiona coa maxia”, a partir das 19:30 horas no Salón de Actos.
O domingo 17 estará centrado na familia, coa celebración do baile social e “Os xogos do paporrubio”, uns xogos de temática agraria para dar a coñecer aos máis pequenos a fauna que nos rodea. Será en horario de tarde no Pavillón Polideportivo Municipal.
O martes 19 e o xoves 21 de decembro Papá Noel e os Reis Magos realizarán unha visita especial ao CPI Cabo da Area e ao Colexio de Traba.
O sábado, día 23 de decembro, terá lugar o clásico Festival de Panxoliñas, a partir das 20 horas, na Igrexa de Santa María da Atalaia. Participan Maruxía, Amas de Casa, A Esmorga, a Escola de Música de Laxe e Serantes, o grupo de catequese e o coro parroquial da Igrexa de Santa María da Atalaia.
Por último, o 5 de xaneiro, terá lugar a tradicional Cabalgata e Festa de Reis. A partir das 15 horas farán o tradicional desfile por todas as parroquias do municipio, con fogos de artificio á súa chegada ó pavillón polideportivo.
A festa posterior, coa recepción por parte das Súas Maxestades, será a partir das 19 horas no propio pavillón, con inchábeis, animacións, obradoiros, e rosca de reis e chocolate de balde para todas as persoas asistentes.
Desde o Concello de Laxe animan a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse ao municipio nestas datas tan especiais para gozar do ambiente festivo e de todas as actividades que se presentan desde a Administración Local.
Campamento de conciliación de Nadal
Do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro, o Concello de Laxe celebra o programa de conciliación laboral “Nadalaxe” dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As inscricións ábrense este luns, 11 de decembro, e as prazas son limitadas.
O horario do programa será de 10 a 13 horas, onde os mozos e mozas realizarán diferentes actividades.
“Nadalaxe” pretende facilitar a conciliación laboral e familiar nunhas datas como o Nadal, nas que os pequenos e as pequenas están na casa.