Friday 22 de November de 2024

Visita do voceiro municipal do BNG de Cabanas aos campamentos saharauís


Iago Varela participou da misión organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda representantes doutros 15 concellos.

A visita permitiulles coñecer a vida nos campamentos, así como diversos proxectos impulsados pola cooperación galega.

O voceiro municipal do BNG de Cabanas participa da Misión aos campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) para representantes das institucións locais de Galiza organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entre os días 5 e 9 de decembro.

Como parte desta misión (da que forman parte representantes de 15 concellos diferentes, así como membros do Parlamento Galego, da Xunta, e ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz), a delegación pode non só coñecer a realidade da vida nos campamentos e os diferentes proxectos impulsados pola Cooperación Galega, senón tamén reunirse con autoridades saharauís.

Así, o mércores a delegación puido recibir unha benvida oficial da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, así como visitar unha planta de reciclaxe de residuos. O xoves tiveron a oportunidade de visitar as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí e reunirse coa Asociación de Familiares de Persoas Presas e Desaparecidas Saharauís (AFEPREDESA). E o venres puideron coñecer a situación dos centros educativos e mantiveron un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun.

Como parte da misión, todas as persoas que forman parte da delegación son aloxadas e conviven con familias do campo de refuxiados de Boujador. “Estamos moi agradecidos coa súa hospitalidade, abríronnos as súas casas” explicou Iago Varela.

“Esta visita permítenos coñecer a realidade dos campos de refuxiados, mais tamén amosar o noso apoio ao pobo e á causa saharauí na súa loita pola independencia. O pobo saharauí é forte e xeneroso, e de aquí saímos convencidos da xustiza da súa arela, e, como nos pediu a gobernadora Dih Chadad, dispostos a concienciar sobre a causa xusta dos saharauís nos nosos territorios”, rematou Varela.

Composición da misión

Tal e como amosa o Fondo Galego de Cooperación na súa web, os concellos presentes nesta misión son: Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, O Rosal, Sada e Viveiro, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz.