Saturday 23 de November de 2024

O Grupo Socialista reúnese coa nova asociación veciñal de Conxo para abordar as melloras necesarias na zona de Volta do Castro e O Rial


Marcan como prioridade a seguridade peonil nunha zona cunha carencia importante de beirarrúas e mala iluminación pública: “para o primeiro reclamaremos que haxa unha planificación de actuacións e o segundo abordarase xa co novo contrato de iluminación que adxudicamos desde o goberno socialista”

O Grupo Socialista vén de reunirse coa recentemente creada Asociación de Veciños Volta do Castro – O Rial, de Conxo. Unha xuntanza, que cualifican desde ambas partes como “frutífera” e na que se fixo balance da situación do barrio, con carencias en materia de seguridade peonil: “explicáronnos que hai problemas coa iluminación pública, que confiamos en que quen resoltos co novo contrato de alumeado que adxudicamos no pasado mandato, e que se está a despregar agora; e tamén hai unha carencia de beirarrúas en algúns tramos” explica o portavoz dos socialistas.

Gonzalo Muíños insiste en que é necesario que exista unha planificación para as actuacións pendentes neste barrio, conscientes de que “evidentemente todo non se pode abordar dun día para outro”. Así, pídelle ao goberno local que estableza prioridades de actuación, identificando a rúa da Volta do Castro ou Poza Real de Abaixo como zonas onde se debería actuar para mellorar a seguridade peonil. Tamén na rúa Ponte da Rocha, onde as beirarrúas actuais están nun estado “dificilmente transitable”.

En todo caso, Muíños recalca que hai actuacións de baixo custe e que se poden acometer de inmediato, como a instalación de elementos para reducir a velocidade dos vehículos en Rial de Conxo, “algo que, como nos comprometemos, falaremos co concelleiro responsable para que se aborde canto antes”.

Falta de mantemento e problemas co saneamento

No encontro, no que participou o presidente da asociación, Cédric Denolf e a concelleira Mila Castro, tamén se abordaron diferentes problemas de mantemento, como na rúa Virxe do Rial ou na rúa da Decoita: “trátase de actuacións de limpeza e desbroce que, insistiremos, para que se acometan de inmediato” explicou Castro tralo encontro.

Tamén na zona están a ter problemas co saneamento, posto que ao non existir separación entre pluviais e fecais, e ante a falta de desnivel da rúa, a canalización atáscase e produce inundacións frecuentes nas casas da zona. Un problema que, comparte Castro, é urxente solucionar e lembra que co contrato da auga, bloqueado polos tres grupos de oposición durante o mandato socialista, xa recollía actuacións necesarias como a mellora desas canalizacións para evitar estes asolagamentos: “agora a señora Sanmartín, que participou tamén no bloqueo dese contrato que sempre dixemos, era urxente, terá que ofrecer unha solución a un problema que xa podería estar en vías de solucionarse”.