Friday 22 de November de 2024

Campaña especial de eliminación de pintadas do mobiliario público


O servizo municipal de limpeza viaria tamén está a realizar tarefas de roza nos aparcadoiros municipais

                           

O servizo municipal de limpeza viaria, do que se encarga o centro especial de emprego Aspaber UTE, aproveitou estas semanas de mal tempo para levar a cabo unha campaña especial de eliminación de pintadas do mobiliario público. Os traballos desenvolvéronse en todos os barrios urbanos e na zona de Razo, onde se concentran os principais problemas de pintadas vandálicas. Papeleiras, bancos e sinais de todo tipo son os elementos máis afectados.

A campaña especial de eliminación de pintadas convive coa de roza e limpeza dos aparcadoiros públicos, que arrincou a finais do mes de outubro. Ata agora o servizo municipal de limpeza viaria ten actuado nas áreas de estacionamento do Casino, a rúa Río Sil, a esquina de Gran Vía con Vila de Laxe, a rúa Nicaragua, a contorna do Rego da Balsa e a zona do San Martiño. Debido a que o mal tempo está provocando retrasos nestas tarefas, o persoal do servizo céntrase, xunto co traballo diario de limpeza viaria, na posta a punto do mobiliario urbano.