Friday 22 de November de 2024

O proxecto “Mulleres fronte á emerxencia climática” segue a súa andaina en Fecha


A próxima sesión dinamizada pola cooperativa Feitoría Verde será o 14 de decembro

O Concello de Santiago participa no proxecto “Mulleres fronte á emerxencia climática” que pretende poñer en valor a relevancia de todas esas mulleres que desenvolveron un papel determinante no coidado da terra e das persoas, cun rol que segue a ser fundamental na transición ecolóxica e na busca da efectiva igualdade na sociedade actual.

A través dun traballo continuado en varias sesións, este proxecto dinamizado pola cooperativa Feitoría Verde aposta por compartir os recordos, as experiencias e as vivencias persoais das participantes; relacionándoas co cambio climático e a desigualdade de xénero, para atoparen alternativas que melloren a situación socioambiental das súas contornas. O grupo participante nesta actividade do concello de Santiago de Compostela está composto por mulleres da zona de Fecha.

Desde que o cambio climático comezou a perfilarse como protagonista dunha crise ambiental planetaria xa na década de 1970, a meirande parte das propostas de solución centráronse nas alternativas tecnolóxicas; unha tendencia que se ten trasladado de igual xeito ás iniciativas de sensibilización e educación, centradas na alfabetización científica. Deste xeito, nos últimos anos fíxose un chamamento a incorporar a dimensión social á articulación de estratexias de adaptación e mitigación climática, así como ás intervencións educativas que deberían acompañalas. É na articulación destas accións que o xénero adquire unha relevancia significativa.

Polos seus coñecementos en saúde alimentaria e coidados, o xénero feminino configúrase como foco efectivo para emprender accións educativas fronte ao cambio climático.

Este proxecto conta co co-financiamento da Deputación da Coruña a través da convocatoria “(FOIO0A/2023) Programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento en políticas de xénero no ano 2023” e está a desenvolverse simultaneamente tamén nos concellos de Padrón e Val do Dubra.