Saturday 16 de November de 2024

Bouza defende o convenio coa Deputación para a rehabilitación da Casa da Xuventude e acusa ao bipartito de opacidade


O secretario xeral dos socialistas pediulle celeridade ao goberno local para a presentación do borrador de orzamentos

Sobre o aparcadoiro do Hospital Clínico: “o que tenta a Xunta coas súas respostas disuasorias é que deixemos de falar do tema para relegar aos composteláns a cidadáns de segunda”

Os socialista formularán unha pregunta escrita ao goberno bipartito sobre a renuncia ao convenio coa Deputación da Coruña para que esta financiase a rehabilitación integral da Casa da Xuventude. Concretamente, desde o PSOE queren saber “que órgano tomou a decisión de rachar o convenio”, toda vez que na Deputación ten consignada a partida para este fin.

Aitor Bouza acusou ao goberno local de opacidade e amosouse sorprendido de que a alcaldesa, a esta mesma pregunta, respondese que “se daba por feito” e que se lle dera comunicación “verbalmente” ao órgano provincial da renuncia. Algo que, segundo os socialistas, non se fai así, polo que se preguntan se foi a Xunta de Goberno a que tomou esta decisión e, de ser así, cal foi a posición dos dous concelleiros de Compostela Aberta.

“Falando coa veciñanza esta semana sabemos que non ten claro o proxecto alternativo” explica Bouza, que anuncia unha xuntanza coa cidadanía para achegar a proposta de rehabilitación que presentou a Deputación ao goberno local.

O secretario xeral dos socialistas composteláns insiste en que, non se trata só de perder unha subvención por valor de máis de un millón de euros, senón que tamén se perde unha oportunidade para “integrar a Casa na contorna e conectar o parque de Belvís de maneira harmonizada”, ao tempo que se mantén un equipamento público con anfiteatro e salas de usos múltiples: “temos que facer un debate sereno e realista, e non facer deste tema unha cuestión opaca”.

Sobre o aparcadoiro do CHUS, “estamos decepcionados pola resposta do goberno de Rueda”

Unha resposta “lamentable” foi a ollos dos socialistas a contestación do goberno galego á pregunta que os socialistas formularon este martes no Parlamento Galego. Bouza acusa ao executivo de Alfonso Rueda de “vulnerar claramente os dereitos das veciñas e veciños” rexeitando unha proposta “que conta cunha abrumadora maioría na corporación municipal”.

Desde as filas socialistas critican que desde a Xunta do Partido Popular se pretenda apagar este debate con “respostas disuasorias” e critican que “non queiran acceder a cumprir as súas competencias: “se o señor Rueda non están de acordo co que nós propuxemos, co que a Corporación na súa maioría esixe; que poña enriba da mesa outra solución, e con garantías para que os composteláns e compostelás non queden relegados como veciños de segunda”.

Bouza cuestiona que se intente equiparar a situación do Hospital Clínico de Santiago coa doutros hospitais galegos, “cando sabemos que non é así”. Lembra que 8 de cada 10 usuarios do CHUS son de fóra da cidade, algo que “non pasa no resto de hospitais” polo que “o convenio que se lle presenta ao noso concello non pode ser o mesmo porque as circunstancias non son as mesmas”.

A próxima semana votaranse as emendas socialistas nas que se recolle, precisamente, a construción dun aparcadoiro na parcela que o goberno de Sánchez Bugallo cedera á Xunta, valorada en 6,5 millóns de euros ao carón do CiMUS: “veremos que fai o señor Verea, a súa coherencia política xa que di defender os intereses das veciñas e veciños de Santiago”.

“É preciso e urxente presentar un borrador de orzamentos”

O secretario xeral dos socialistas en Compostela pediulle ademais “premura e celeridade” á alcaldesa para a presentación dos orzamentos municipais: “agardamos que, dentro do espírito navideño que agora temos, non termos que chegar a pedirlle aos Reis Magos que o goberno municipal presente os orzamentos municipais”.

Bouza insiste na necesidade de comezar un debate sobre os orzamentos para “canalizar todas as cuestións, obras, servizos e melloras” que precisa Santiago e ponse a disposición da cidadanía “para que nos trasladen todas as cuestións que lles importan” para “nós poder canalizalas nos orzamentos”.