A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe as instalacións da Fundación ENKI e de Asperga
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia de seguir reforzando a alianza co tecido asociativo para facer de Galicia un lugar máis inclusivo e avanzar cara a plena inclusión. Begoña Abeijón visitou esta mañá na cidade herculina as instalacións de dúas entidades que traballan no ámbito da discapacidade: a Fundación ENKI e Asperga.
Nas dúas visitas, a directora xeral trasladou a confianza do Executivo autonómico no terceiro sector para ofrecer unha atención próxima e especializada, que permite achegar os coidados a aquelas persoas e familias que os necesitan, vivan onde vivan. Neste sentido, destacou que o vindeiro ano a Xunta volverá a incrementar os fondos que destina á atención a discapacidade, que por primeira vez superarán os 170 millóns de euros.