Este domingo 10 de decembro ás 13:00h no Bar Eladio
A Asociación veciñal O Castelo de Narahío encara as últimas actividades do seu amplo programa anual. Durante este mes de decembro teñen dúas citas preparadas: o tradicional Nadal na Lareira, que se celebrará no local social o venres 22 á noitiña, e esta mesma fin de semana unha sesión vermú na compaña da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene.
A cita musical terá lugar no Bar Eladio -no Eirexado, preto da igrexa de Naraío- este domingo 10 de decembro a partir das 13:00h. O grupo, formado por unha ducia de compoñentes, ofreceranos as mellores versións alternativas e en galego de temas moi coñecidos do pop e o rock de todos os tempos.
A actuación desta particular cor(r)al poli(a)fónica encádrase na iniciativa da asociación veciñal para apoiar os dous únicos bares que quedan na parroquia. Neste sentido, ao longo do ano organizáronse varios eventos que se foron alternando entre o Bar O Campo e o Bar Eladio, intercalados no calendario que ten como sede principal o local social da Veiga.