Saturday 16 de November de 2024

O Concello mellorará a seguridade vial nos pasos de peón na Avda da Coruña


O Concello de Ribeira ven de adxudicar un proxecto de Mellora da seguridade vial nos pasos de peón na Avda da Coruña cun presuposto de licitación de 88.425,19 euros.

O proxecto, que se realizará nun prazo de 20 días, inclúe a realización dunha serie de actuacións de obra civil e a instalación de Luminarias LED, radares pedagóxicos de alimentación solar para vehículos e balizas LED lonxitudinais encaixadas na beirarrúa.

O propósito desta obra é o de “reducir a sinistralidade de peóns e ciclistas, por mor da análise realizada da sinistralidade por parte da Policía Local de Ribeira, que identificou 4 localizacións prioritarias onde se debe actuar.” segundo explicou o alcalde Luís Pérez. Estas localizacións ubícanse ao longo da Avenida Coruña, nos números 149, 92, 82 e 6.
“Instalaranse luminarias especificamente deseñadas para garantir unha óptima visibilidade nos devanditos pasos de peón e tamén se repintará cada paso de peón con pintura branca antiescorregadiza.” afirmou o rexedor.

Esta actuación está contemplada na acción A02 do proxecto “Más Riveira Atlántica 2020” que posteriormente pasaría a agruparse na A12 (Modernización da Administración e Smart Village Riveira), cofinanciado nun 80% por fondos FEDER, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020, actualmente integrado no Programa Operativo Pluriregional de España (POPE).