Saturday 16 de November de 2024

O Concello licita a xestión de Puntos Violeta nosb grandes eventos da cidade para os próximos dous anos


O Goberno de Inés Rey reforza deste xeito o seu compromiso coa prevención, información e intervención ante condutas machistas

A Área de Benestar Social do Concello da Coruña licita o servizo de xestión integral dos Puntos Violeta que se instalarán nos próximo dous anos durante as festas máis significativos da cidade como o Entroido, San Xoán e as festas de María Pita, así como para eventos de carácter puntual.

Cos Puntos Violeta, o Goberno de Inés Rey reforza o seu compromiso coa prevención, a información e a intervención ante posibles condutas machistas. O prezo de licitación do servizo é de 65.487,43 euros.

Os obxectivos que se perseguen coa prestación deste servizo son os seguintes:
● Implicar a poboación coruñesa na erradicación das violencias machistas e, máis concretamente, da violencia sexual, proporcionando información sobre estas materias.
● Proporcionar información sobre os recursos e servizos especializados cos que conta o concello en materia de violencia de xénero e outras violencias machistas.
● Ofrecer atención e, no seu caso, acompañamento a adolescentes, mulleres novas e adultas que sufran algún tipo de violencia de xénero, en especial, violencia sexual.
● Proporcionar atención e, no seu caso, acompañamento a persoas que sufran outras violencias machistas.
● Proporcionarlle información ás persoas que presencien algunha manifestación relacionada coas violencias machistas, sobre a súa actuación.

O contrato iniciarase na primeira quincena do mes de febreiro do 2024 e finalizará o 31 de agosto de 2025.

O servizo poderase prestar de tres formas: en puntos fixos da cidade mediante postos ao aire libre durante os eventos de grande afluencia de persoas; en puntos fixos da cidade situados en instalacións pechadas con grande asistencia de público novo (centros comerciais, universidade…) ou de forma itinerante.

O equipo técnico de cada punto estará composto por tres persoas: un/unha profesional da psicoloxía que desempeñará as funcións de atención e acompañamento en caso de agresión machista e dúas persoas expertas en materia de igualdade e violencias machistas.