O executivo municipal lanza unha iniciativa permanente para dotar de personalidade aos más de 50 establecementos da localidade, vinculándoos ás feiticeiras que aparecen nos poemas do escritor pontecesán
Dotar de personalidade o comercio local. É a intención coa que o Concello de Ponteceso pon en marcha a iniciativa ‘As fadas de Pondal voando libres polo comercio local’. Trátase dun plan permanente a través do cal o executivo local pretende vencellar aos máis de 50 establecementos do municipio as figuras das feiticeiras que aparecen nos poemas do escritor pontecesán.
Deste xeito, o goberno dirixido por José Manuel Mato pretende que o comercio se identifique coa vila de Pondal como un xeito para potenciar as compras no municipio e impulsar o desenvolvemento local a través do pequeno comercio.
A partires desta iniciativa permanente que mestura as nove fadas de Pondal co comercio irán saíndo campañas temporais nas que se poñerán en marcha diferentes accións concretas para fomentar que a veciñanza adquira produtos nos establecementos do Concello de Ponteceso.
“Trátase dun xeito de xerar unidade nos negocios do concello e darlle pulos a partires dunha estratexia que busca a diferenciación: mercar no comercio de proximidade é fomentar, dun xeito case máxico como son as fadas de Pondal, a economía local. Debemos apostar por produto de calidade, co selo pontecesán que recalca a vinculación co noso escritor máis senlleiro”, apunta o alcalde, José Manuel Mato.