― Intervirase na zona da ponte, onde o estreitamento do leito do río e a súa escasa capacidade de desaugue fan que sexa unha das zonas más inundables no casco urbano en época de enchente
― Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses e inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a execución dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo
― Esta nova actuación forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento, cun investimento total de 6,3 M€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 1.847.114 euros a execución da obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, para reducir o risco de inundación no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés.
Os traballos, adxudicados á empresa S.A. de Obras y Servicios Copasa, inclúen a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte.
Esta nova actuación no municipio forma parte das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundación en Carballo. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.
Este contrato forma parte das actuacións recollidas no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.
En concreto, a través do contrato que se vén de adxudicar, intervirase na zona da ponte onde se produce un estreitamento do leito do río Anllóns, sendo esa, pola súa escasa capacidade de desaugue, unha das zonas más inundables no casco urbano de Carballo en época de enchentes.
Os traballos adxudicados inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación e dunha escaleira situada augas arriba da ponte.
Deste xeito, demolerase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida de Fisterra, co fin de ampliar a sección do leito, e tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito.
Construirase unha nova ponte mediante 8 vigas de formigón pretensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e anchura de algo máis de 4 metros, dividida en dous carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.
Na intervención deseñada por Augas de Galicia, proxéctase tamén a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.
As obras obxecto deste contrato inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda desde a rúa Fomento e a avenida de Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito.
A colaboración co Concello
Entre as accións que se impulsan como máis prioritarias no marco da colaboración da Xunta e o Concello de Carballo están estas obras na ponte da rúa Fomento; as obras, tamén as adxudicadas pasado 17 de novembro por máis de 1,2 M€, de mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.
A estas intervencións súmase a execución xa rematada dun by-pass na zona de Muíño do Quinto, para mellorar a capacidade hidráulica do río, abrindo un canal alternativo que permite derivar caudal en período de crecida.
Tamén se está a ultimar a remodelación integral do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención e axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e ponte da rúa Sol, que inclúe a demolición dun edificio que invade o cauce do río e a creación dunha canle de augas altas.
Estas actuacións están financiadas con fondos europeos do programa de desenvolvemento rexional Feder.
Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.
No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.
Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.