Friday 22 de November de 2024

Carballo solidarízase con Palestina a través da exposición “Beléns do mundo”


O Museo de Bergantiños abre as súas portas este Nadal cunha colección de 206 beléns procedentes da colección única do Taller Museo Santxotena (Araba)

Carballo ten a sorte de acoller unha das mellores coleccións de beléns de todo o estado. Unha selección de 206 das máis de 2.500 pezas artesás do Taller Museo Santxotena (Araba) poden verse no Museo de Bergantiños nunha exposición única, froito de máis de vinte anos de traballo de Teresa Lafragua e Xabier Santxotena para dar a coñecer a historia, a cultura e a etnografía dos pobos dos cinco continentes.
A exposición, que chega por segunda vez a Galicia grazas á colaboración entre a área de Turismo do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, convértese nesta ocasión nun punto de encontro e solidariedade do noso concello con Palestina, como non podía ser doutro xeito. “Eu agardo que para o ano que vén poidamos celebrar que o mundo sexa máis pacífico, máis humano”, dixo o concelleiro Xosé Regueira no acto de inauguración. Os beléns palestinos, realizados principalmente con madeira de oliveira pero tamén con nácar, ocupan unha das vitrinas que enchen a sala multiusos do Museo de Bergantiños.

Tamén hai unha ampla representación de artesanía galega: 28 beléns, para ser exactos, entre eles algúns de olería de Buño, pero tamén doutros creadores e creadoras da comarca de Bergantiños cos que contactou Teresa Lafragua a raíz da exposición do ano pasado. “Este é un espazo para observar, para ver con detalle, porque vemos que é a mesma temática pero as solucións artísticas son diferentes, e estamos encantados de que o espazo da comarca de Bergantiños vaia gañando cada vez máis protagonismo”, apuntou o alcalde, Evencio Ferrero.

A exposición Beléns do mundo está aberta ata o 14 de xaneiro, cos seguintes horarios:
Martes, de 10.00 a 14.30 h
De mércores a venres, de 10.00 a 14.30 e de 17.30 a 19.30 h
Sábados e domingos de feira, de 11.00 a 14.00 h