Friday 22 de November de 2024

Noa Díaz á conselleira de Infraestruturas polo aparcadoiro do CHUS: “ se as competencias son da Xunta e a maioría das prazas as ocupa o persoal sanitario, é xusto que os composteláns teñan que pagalo?”


A deputada socialista pediulle explicacións ao goberno galego por non aceptar a parcela municipal que cedeu o Concello para a construción dun novo aparcadoiro ao carón do CiMUS

Acusou á Xunta de empregar o transporte urbano de escusa, “queren convencernos de que unha persoa con unha doenza ou un veciño de Silleda ou Arzúa vai en bus urbano?”

O aparcadoiro no Hospital Clínico chegou hoxe ao Parlamento galego, onde a deputada Noa Díaz interpelou á conselleira de Infraestruturas para coñecer os plans da Xunta para solucionar un problema que, segundo recordou, se agrava coa construción do centro de Protonterapia que reduce as prazas e amplía a área de influencia do hospital a Asturias, Castela-León e mesmo Portugal.

“Se as competencias no ámbito hospitalario son da Xunta, se a parcela na que está emprazado o CHUS é da Xunta, se o persoal sanitario que ocupa o 80% das prazas actuais é da Xunta e o 80% das persoas usuarias son de fora de Santiago, é xusto que as compostelás e os composteláns teñan que pagar dos seus petos ese aparcadoiro” preguntou a deputada socialista. Díaz, que insistiu en que dos 450.000 usuarios do CHUS, só o 20% son de Santiago, o resto, de 46 concellos diferentes, incluso de fóra da provincia de A Coruña.

Díaz que puxo o foco tamén no uso das prazas de aparcadoiro do persoal sanitario, estando ás 8 da mañá “o 80% das prazas ocupadas” algo que, segundo a socialista, confirma “que hai que mellorar o transporte público”.

Tamén desde o grupo socialista preguntaron polos motivos que levan á Xunta a non aceptar a cesión da parcela municipal ao carón do CiMUS que permitiría crear 420 prazas e que ten un custo de 6,5 millóns de euros.

“Arranxen vostedes o transporte interurbano”

Na resposta, a titular de Infraestruturas do goberno galego escudouse en que o 16% as persoas usuarias do CHUS acceden ao centro a través do transporte urbano. Ante isto, a deputada socialista preguntoulle á conselleira cantos o fan a través do transporte interurbano, lembrando que, precisamente, a maioría dos usuarios do CHUS son de fóra de Santiago: “queren convencernos de que unha persoa con unha doenza ou un veciño de Silleda ou Arzúa vai en bus urbano”.

“Para quen teñen que ser esas liñas urbanas, para ese 80% de persoas usuarias que viven fóra dos límites do transporte urbano ou para as persoas traballadoras do SERGAS que ás oito da mañá xa teñen o 80% das prazas ocupadas?” cuestionou Díaz.