Friday 22 de November de 2024

O Goberno local e o Club Financeiro abren unha liña de diálogo permanente sobre asuntos de interese común para Santiago


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada polo edil de Economía e Facenda, Manuel César, mantivo un encontro con representantes do Club Financeiro de Santiago que serviu para iniciar unha serie de contactos nos que seguir avanzando nos asuntos de interese para a cidade.

A rexedora compostelá manifestou a intención do Goberno local de “establecer reunións habituais, nun diálogo para ir traballando e facendo seguimento ás cuestións que nos preocupan e nas que nos podemos servir de axuda” ao que Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro de Santiago, respondeu poñendo “o Club á súa disposición”. Indicou que “nesta visita nace este encontro recorrente” como “centro de diálogo permanente e de intercambio de opinión e pareceres”.

Goretti Sanmartín agradeceulles tamén a posta a disposición do Concello dun informe sobre a coxuntura económica da provincia da Coruña “que ten datos interesantes sobre Santiago” e que será presentado no mes de xaneiro e divulgado entre a poboación. Ademais, “recollemos a preocupación e o interese do Club Financeiro polo estado das principais infraestruturas en marcha na cidade, que dependen fundamentalmente do Estado como o Orbital, o Orbitaliño ou a estación intermodal, e tamén o aparcamento do Clínico”, lembrou a alcaldesa que fixo especial fincapé en lanzar a mensaxe de que “é necesario que apuren, para que vaian no seu tempo, as obras comprometidas polas distintas administración para Santiago de Compostela”.

En terceiro lugar, na xuntanza abordouse “un aspecto crucial”, en verbas de Sanmartín: “conseguir unha aposta pola diversificación económica de Santiago, de diversificación turística e cun apoio claro ao sector comercial”. Neste marco, a alcaldesa presentoulles o convenio coa USC a través do cal “intentamos aproveitar todos os recursos que ten a Universidade a favor da empresa, da actividade industrial co obxectivo de que as persoas formadas aquí non se vexan obrigadas a emigrar e poidan exercer aquí a súa actividade”. Pereira celebrou este acordo e lembrou a importancia de “conseguir a transferencia de coñecemento”. Ademais do presidente do Consello de Administración do Club Financeiro, á xuntanza asistiron o vicesecretario José María Fernández; e a vogal, Rosa Blanca Rodríguez.