Saturday 16 de November de 2024

O proxecto ‘Bergondo en feminino’ é premiado pola FEMP no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres


· A iniciativa, impulsada pola concellería de Servizos Sociais, foi destacada dentro da categoría ‘Ruptura do silencio, sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres’.

· O acto de entrega deste recoñecemento terá lugar o vindeiro xoves, 14 de decembro, ás 12 horas na sede da FEMP en Madrid.

O proxecto ‘Bergondo en feminino’, impulsado pola concellería de Servizos Sociais do Concello de Bergondo, foi premiado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.

Esta iniciativa municipal foi destacada, xunto con outras dúas do Concello de Xetafe e o Concello de Salamanca, dentro da categoría ‘Ruptura do silencio, sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres’.

Desde a FEMP e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero destacan a “calidade da proposta presentada, que entendemos que poderá resultar de gran interese para outras entidades pola súa eficacia, o seu carácter innovador e as posibilidades que ofrece para ser aplicada noutros contextos”.

O acto de entrega deste recoñecemento terá lugar o vindeiro xoves 14 de decembro ás 12 horas na sede da FEMP en Madrid.

Bergondo en feminino

‘Bergondo en feminino’ é un proxecto de visibilización de mulleres históricas do Concello que pretende rescatar a historia das mulleres de Bergondo: as pioneiras, as esquecidas, as invisibles, as rebeldes, as que abriron camiño.

Trátase dun proxecto impulsado pola Concellería de Servizos Sociais para a sensibilización en materia de igualdade de xénero que inicia o seu percorrido no ano 2019 a través dun proceso de investigación participativa no que se rescataron os nomes de mulleres importantes para a historia deste territorio. levou a cabo coa colaboración do grupo de voluntariado municipal, asociacións locais e veciños e veciñas referentes da comunidade.

Estas mulleres destacaron polo seu compromiso co ben común, a sororidade e a valentía para romper cos estereotipos de xénero. Estas mulleres, a pesar da súa importancia, quedaron invisibilizadas e por iso Bergondo quere facer un exercicio de reparación e xustiza social.

Se renombraron os centros sociais do Concello e outros espazos municipais cos nomes das mulleres homenaxeadas.

Estes foron:
• Centro Social de Fiobre, Filomena Dato Muruais.
• Centro Social de Guísamo, Mª dos Dolores Miramontes Matos.
• Centro Social de Lubre, María Fernández Sánchez “Maruxa do Chelo”.
• Centro Social de Vixoi, Luísa Viqueira Landa.
• Centro Social de Santa Marta de Babío, Xabiela Fraga Sánchez.
• Centro Social de Ouces Antonia Pato Pardo.
• Centro social de Cortiñán Josefa Crespo Veiga “Fina a costureira”.
• Casa da Mocidade Jacinta Landa Vaz.
• Salón de actos da Casa da Cultura, Mercedes Núñez Targa.

Ademais, tamén se fixo un recoñecemento a outras mulleres destacadas do municipio como: Carmen Miramontes #Vidal, cunha placa no lavadoiro de Cortiñán; Natividad Martínez de Pan, na praza de Guísamo; e María Vázquez López no Centro Social de Cangas.

Ademais, como parte do proxecto ‘Bergondo en feminino’ elaborouse un mapa virtual interactivo formado por pequenas pezas audiovisuais de curta duración, centradas cada unha delas na vida e valores das 15 mulleres investigadas ao abrigo deste programa, e que permiten descubrir tamén os lugares e o patrimonio do municipio. Inspiradas no modelo de audioguías dos museos, estes vídeos buscan acompañar o percorrido autónomo das persoas interesadas en percorrer o concello e achegarse a estas figuras.