O Concello busca a máxima participación cidadá na súa redacción
O Concello de Riveira prosegue coa elaboración do proxecto + Riveira Atlántica 2020 co que optar á nova concesión de axudas europeas en forma de fondos Feder.
Se hai un mes se daba conta da apertura dun cuestionario para que os cidadáns puidesen manifestar a través un formulario web cales deben ser ao seu criterio as actuacións prioritarias en materia de desenvolvemento urbano, eficiencia enerxética, mobilidade, turismo, novas tecnoloxías ou política social, nesta ocasión –e buscando a máxima participación cidadá na confección da iniciativa- lle toca o turno ás asociacións, entidades e colectivos en xeral do concello.
Asociacións e entidades
Con esta finalidade, foron convocadas a unha xornada de traballo un cento de asociacións (sociais, culturais, asistenciais, veciñais, deportivas, turísticas, etc…), así como outras organizacións como partidos políticos, sindicatos ou distintas institucións públicas con implantación no municipio.
O evento terá lugar este luns, ás 17 horas, na sede do Conservatorio Profesional de Música de Riveira e comprenderá unha parte introdutoria no salón de actos na que se exporá , para celebrar a continuación tres mesas temáticas paralelas e simultáneas noutras tantas aulas:
o Mesa 1: Medio ambiente, patrimonio, deporte e turismo
o Mesa 2: Eficiencia no uso de infraestruturas e servizos públicos
o Mesa 3: Calidade de vida en Riveira
Está previsto que a actividade finalice ás 19 horas cun apartado de conclusións.
108 millóns
A nova convocatoria de fondos FEDER foi anunciada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o pasado día 17, correspondéndolle a Galicia un total de 108 millóns de euros, dos cales 83 millóns outorgaranse nunha primeira fase na que se vai presentar o Concello.
Riveira postularase na categorías de máis de 20.000 habitantes. Os proxectos que resulten seleccionados poderán estar subvencionados ata un máximo do 80%, tendo que asumir o 20% restante a administración solicitante. A cantidade máxima que se pode obter en fondos europeos son 5 millóns de euros.
O novo proxecto enmárcase dentro dunha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado que busca responder a cinco retos considerados como prioritarios pola Unión Europea: política social, medio ambiente, clima, demografía e economía.
As actuacións resultantes da estratexia deben estar encadradas nalgún destes catro obxectivos temáticos: mellorar o uso e a calidade das TIC, economía baixa en carbono, conservación e protección do medio ambiente e promoción da eficiencia dos recursos, e inclusión social e loita contra a pobreza.
O 13 de xaneiro é o último día para a presentación de solicitudes.