Inés Rey destacou a implicación do sector hostaleiro no concurso gastronómico máis antigo de Galicia
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita a entrega de premios da XIX edición do concurso de tapas Picadillo. Tras analizar as propostas dos 49 establecementos que participaron no certame entre o 24 de novembro e o 3 de decembro, o xurado escolleu a Ajetreo Taberna (nas categorías Receitario Picadillo e Cidade da Coruña) e Taberna Triay (na categoría Tapa Creativa) como gañadores.
Por unha banda, Ajetreo Taberna conseguiu dous dos tres premios coa súa receita “Pataca da horta”. O establecemento situado na rúa Galera foi gañador do Premio Picadillo 2023 á mellor tapa Receitario Picadillo, que se outorga a aquelas que empregan nas súas elaboracións receitas salgadas recollidas na obra ‘La cocina práctica’, de Manuel María Puga y Parga, ‘Picadillo’. Nesa categoría recibiu unha mención especial o bar Quintela pola súa tapa “Ramen galego”. Ajetreo Taberna tamén obtivo o Premio Picadillo 2023 da Cidade da Coruña ao ser a tapa máis votada polo público que participou no concurso. Recolleu os galardóns en representación do establecemento Belén Nogueira.
Por outra banda, o Premio Picadillo 2023 á mellor Tapa Creativa foi para a Taberna Triay coa súa tapa “Donete recheo de cocido, glaseado de queixo do Cebreiro, caramelo de pemento e o seu caldo afumado”. Recolleu o premio Manuel Triay. Tamén houbo unha mención especial ao establecemento Intenso Coruña coa súa tapa “Éclair de touciño entrefebrado confeitado á carbonara galega”.
Inés Rey destacou a gran calidade das receitas presentadas nesta edición e a dificultade do xurado para escoller as gañadoras. “Como coruñesa, é un orgullo comprobar o pulo e crecemento dun concurso tan popular, que amosa a capacidade de superación dun sector fundamental para a economía da cidade como é a hostalaría”, sinalou a rexedora. Rey confirmou tamén que o ano que vén, na XX edición do concurso, conmemorarase o 150 aniversario do nacemento de Picadillo con diferentes sorpresas.
No acto, a alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Turismo, Comercio, Mercados e Hostalería, Diana Cabanas, e pola neta de Picadillo e membro da Academia de Gastronomía de Galicia, Carmen Fernández-Gago Puga.
Diplomas por categorías
Categoría Receitario Picadillo
● AJETREO TABERNA, coa súa tapa: Pataca da horta.
● BAR QUINTELA, coa súa tapa: Ramen galego.
● YEMA, coa súa tapa: Albóndega de cordeiro e sepia .
● TABERNA TRIAY, coa súa tapa: Roupa vella.
● LA ESQUINA DE VALENTINA, coa súa tapa: Brioche de atún en pepitoria.
Categoría Tapa Creativa
● AMA, coa súa tapa: Polbo en tempura con salsa tonnata.
● COSECHA 81, coa súa tapa: Tataki de Aki.
● CHIFÁN COCINA, coa súa tapa: Wantan acevichado.
● INTENSO CORUÑA, coa súa tapa: Eclair de touciño entrefebrado confeitado á carbonara galega.
● TABERNA TRIAY, coa súa tapa: Donete recheo de cocido, glaseado de queixo do Cebreiro, caramelo de pemento e o seu caldo afumado.
Xurado
● Claudia Queiruga (La Gula Gourmet)
● Cristina Alonso (Chegar e encher)
● Raquel Rosende (Castigada con salir)
● Simón Calviño y Vivi (Coruña a Bocados)
● Carlota Fariña (Carlota Fariña)
● María José Basanta (Laurel y Canela)
● Sofía Sanesteban y Hugo La Gastrocrítica)
● Clara Cea y Mauro Mosquera (Boavista Colective)
● Azucena García y Sheila Antelo (Guía Michelines)