Thursday 21 de November de 2024

O Concello da Pobra pon en marcha a quinta campaña da compostaxe doméstica


A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal inicia a quinta campaña da compostaxe doméstica coa distribución de 25 novos colectores proporcionados por Sogama.

Refórzase deste xeito o proxecto da compostaxe na localidade, que supuxo xa o repartimento de 193 unidades, segundo indica o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, quen engade que esta acción se complementa coas tres illas da compostaxe comunitaria xa implantadas dende o verán de 2022 para lle ofrecer á veciñanza recursos para a xestión sustentable da materia orgánica na orixe. Os tres puntos localízanse na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler).

O prazo para participar nesta nova remesa xa está aberto. A solicitude deberase formalizar a través do rexistro. Entre os requisitos figuran os seguintes: vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal, dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados e permiti-lo seguimento da compostaxe por persoal acreditado.

As persoas participantes serán convocadas polo Departamento do Medio Ambiente para facérlle-la entrega do composteiro doméstico e ferramentas auxiliares, ademais de asistiren a unha charla formativa.