Saturday 16 de November de 2024

Pier Paolo Pasolini e María Callas protagonizan a última carteleira do ano na Filmoteca de Galicia


— Mañá martes arranca o ciclo dedicado ao realizador italiano, do que a cinemateca da Xunta ofrecerá as súas 12 longametraxes ata finais de xaneiro

— A proxección o día 12 da súa Medea, interpretada por Maria Callas, tamén forma parte dun especial organizado en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera da Coruña e dentro do que mañá se exhibe o documental Maria by Callas

A Filmoteca de Galicia inicia mañá o ciclo que lle dedicará ata finais de xaneiro ao realizador italiano Pier Paolo Pasolini, quen será o principal protagonista da última carteleira do ano na sede coruñesa da cinemateca da Xunta. Tamén a diva Maria Callas terá unha especial presenza nesta programación a través de dúas proxeccións organizadas en colaboración coa Asociación Amigos da Ópera da Coruña.

O especial sobre Pasolini ofreceralle ao público a posibilidade de gozar na gran pantalla das súas 12 longametraxes para dar conta da vixencia deste gran cineasta, cuxa traxectoria reflicte con espírito crítico e un incuestionable humanismo a evolución e inquietudes da Italia do século XX. Mañá mesmo poderá verse ás 18,00 h. a súa estrea como director, Accatone (1961), considerada pola crítica un dos debuts cinematográficos máis impactantes de todos os tempos e da que se ofrecerá un segundo pase o día 15.

Os días 19 e 20 proxectarase Mamma Roma (1962), na que confirma a súa especial ollada proletaria. Pasolini comezará axiña a afondar no concepto de mito a través do seu achegamento a obras e figuras históricas como Xesucristo en El evangelio según San Mateo (días 7 e 12) ou a adaptación da Medea de Eurípides (día 14), ao tempo que constrúe un excepcional e moi singular retrato social en Pajaritos y pajarracos, outro dos títulos incluídos na carteleira de decembro os días 21 e 22.

Outras sete longas en xaneiro
O repaso pola filmografía do realizador italiano terá continuidade no mes de xaneiro, durante o que se proxectarán as súas restantes sete longametraxes, ofrecendo así un completo percorrido pola obra deste creador inconformista e dificilmente etiquetable.

A súa Medea, protagonizada por Maria Callas, forma parte así mesmo do especial que se lle dedica á cantante e no que se inclúe a proxección mañá, ás 20,30 h., de Maria by Callas, documental de 2017 asinado por Tom Volf.

Neste mes de decembro, a Filmoteca de Galicia continúa co seu ciclo sobre o cineasta portugués Pedro Costa en paralelo á exposición que lle dedica a Fundación Luís Seoane da Coruña. Desta volta, na sesión dobre do día 13 proxéctanse a súa primeira longa, O sangue, e Stars in my Crown, película de Jacques Tourneur seleccionada polo propio Costa para este especial.

En canto ás seccións habituais da cinemateca da Xunta, o día 16 terá lugar unha nova entrega de Filmoteca Jr con Operación Papá Noel; o día 22 Nico Campos presentará o seu filme Chichi e mais eu dentro de Off Galicia, e os días 20 e 21 prográmase a fita portuguesa Alma viva, unha das cinco finalistas a mellor película iberoamericana dos Premios Goya 2024.

Ademais, decembro daralle continuidade ao novo apartado As filmotecas presentan…, que nesta ocasión dedicaráselle á Filmoteca de Catalunya coa presentación o día 19 de dúas das súas restauracións: La montagne infidèle (Jean Epstein, 1923) e Furia española (Francesc Betriu, 1975).