• A instalación do tradicional Belén de Santa Marta de Ortigueira, creado en 1924 polo pintor e escultor Camilo Díaz Baliño, foi presentada onte
• Con motivo do seu 100 aniversario, o seu creador ‘regresou’ do pasado para dar o pregón de inauguración
• Ao acto acudiu Román Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia
Ortigueira presentou onte un ano máis o seu icónico Belén, creado hai 100 anos polo artista ferrolán Camilo Díaz Baliño. A súa iconografía e decorado en varios planos fan que este Belén sexa un dos máis recoñecidos de Galicia.
A maioría das figuras corresponden ao ano 1924 e, algunhas delas, adquiriron nomes populares por ser parecidas a personaxes da vida ortegana da época.
O propio Díaz Baliño ‘regresou’ desde o pasado (a través dun actor caracterizado para a ocasión) para dar o pregón, 100 anos despois de ceder a súa creación á parroquia de Santa Marta. Así mesmo, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, fixo entrega, en nome de todo o pobo de Ortigueira, dunha figura especial.
“Por tratarse dun ano especial, o Concello vai facer entrega á parroquia e, por extensión, a todo o pobo de Ortigueira, dunha nova figura É unha obra única coa firma da ceramista Carme Romero, que representa a unha veciña ortegana levando o máis típico da nosa gastronomía: a famosa torta de Ortigueira”, apuntou durante o evento Ana Cartelle, concelleira de Cultura, Saúde e Educación.
No acto de inauguración o goberno local agradeceu a presenza do concelleiro, así como a todos os responsables da montaxe do Belén ano tras ano.
Con esta inauguración, Ortigueira dá comezo de maneira oficial ao seu Nadal, que contará con actos como as Xanelas de Nadal desde mañá martes día 5 ou o aceso das luces, previsto para a ponte.