A historiadora, bibliotecaria e profesora Manuela Santalla presentará en Neda, en plena ponte da Constitución, a súa nova obra. Tratase dun traballo co que busca seguir divulgando a historia de Ferrol e do resto da comarca. A obra leva por título Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración.
A autora, de familia nedense, estará no polideportivo do Roxal o próximo xoves, 7 de decembro, a partir das 20 horas, para presentar á veciñanza, nun acto organizado pola Asociación de veciños San Pelaio do Roxal, este novo libro, pertencente á colección “A herdanza recobrada”.
Nesta obra, a prolífica autora achégase á historia dos muíños da comarca no século XVIII e XIX, con especial atención aos que ilustran a portada do libro, é dicir, os de Xubia e o das Aceas, que foron declarados Reais Fábricas por Carlos IV no 1798 e ilustran a portada do libro.
Entre os últimos traballos publicados por Santalla figuran Vida cotidiana y trabajo en el Ferrol de la Ilustración, e outros vencellados directamente coa historia de Neda como Muíños, fornos e pan de Neda ou o dedicado á figura de O médico Cebreiro, don Paco da Mercé.