Saturday 16 de November de 2024

O Mercado de Nadal, actividade estrela do Concello de Moeche para as festas máis entrañables


O sábado 16 de decembro

O mercado dos sábados que se celebra no recinto de San Ramón vaise confirmando como un referente semanal para facer compras, sobre todo alimentación, e escusa perfecta -entre outras moitas- para vir dar unha volta a Moeche. Porén, na fin de semana anterior á do Nadal, o mercado modestino cobrará un protagonismo especial por varias razóns. A principal será a grande variedade de produtos frescos e elaborados, artesanía e outros artigos propios destas festas. Pero tamén pola programación de actividades paralelas organizadas polo Concello, pensando sobre todo na rapazada. Ah, o Mercado de Nadal celebrarase o 16 de decembro!

Durante toda a mañá as nenas e nenos terán obradoiros para se entreter, como por exemplo un de tatuaxes que desaparecen ao cabo duns días e outro para facer árbores, estrelas e outros obxectos decorativos do Nadal.

Ademais, o Grupo de Participación Infantil do CLIA de Moeche está preparando unha actividade con cubos de Rubik que durará aproximadamente dúas horas, divididas en catro sesións de 30 minutos para grupos duns oito nenos e nenas.

O Mercado do Nadal do sábado 16 de decembro -que comezará sobre as 10 da mañá- tamén contará con presenza do grupo de mulleres facilitadoras e homes aliados do proxecto O Lavadoiro. Unha iniciativa que segue traballando en colaboración co Concello para desterrar o machismo da sociedade, para previr e erradicar o maltrato e, máis que nada, para ofrecerlle apoio e acompañamento ás mulleres que se encontran nesa situación para poder saír dela.

O proxecto adoptará un novo xeito de funcionamento para ganar en axilidade na detección de casos de violencia e en inmediatez na resposta. Así, coa finalidade de informar á veciñanza e ampliar a súa base social, tamén van instalar un posto no mercado do Nadal.

Sobra dicir que nesta cita, a última de 2023, o mercado estará cheo de postos cargadiños de mercadoría de calidade para encher as mesas, para decorar a casa ou para aprovisionarse de agasallos.

Ademais dos habituais do mercado, xa confirmaron a súa asistencia Chocolates Moreno, Mel das Grañas, Lácteos Moeche, a queixaría Don Gabino, Embutidos Suarna, Galifreixós e, no caso da artesanía, Elisa Rojas, Luisa Felgueira, Tecrima, Ana y Marcus, Mimiños Creacións, Carpintería Penedo de Taramundi, Taller de Artes Comeluz ou a Asociación de Torneiros das Pontes, en espera de que nestes días confirmar os últimos expositores.

Quen acuda ao Mercado de Nadal de Moeche recibirá con cada compra unha papeleta para participar nos sorteos de lotes de produtos que se celebrarán sobre as 14:30h, xusto antes do peche da feira.

O peixe volve ao Mercado
Ademais dos produtos da terra, o Mercado de Moeche volve dispor de produtos do mar, despois de que a finais do verán se fixese cargo do posto de peixes -entrando a man dereita- a Peixaría Miguel, de Cariño.

Ofrece produto fresco e limpo, incluídos mariscos, que se poden encargar para recoller no mercado a través dos teléfonos 654 166 794 ou 616 310 305. Tamén se pode enviar unha mensaxe de whatsapp a calquera deses números para entrar no grupo onde todos os sábados a primeirísima hora se publicará a lista de produtos dispoñibles ese día.