Friday 22 de November de 2024

Inés Rey reclama máis avances na escolarización e emprego das persoas con discapacidade


A alcaldesa da Coruña participou na oitava edición da campaña ‘Baixo o mesmo paraugas’ que se celebrou con motivo do Día Mundial da Discapacidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá, na oitava edición da iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’ un evento que reúne cada 3 de decembro desde 2016 as entidades que defenden os dereitos das persoas con discapacidade con motivo do seu Día Mundial. Estivo acompañada pola concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira.

Rey agradeceulles a súa asistencia ás máis de 30 entidades que encheron o Parrote “para celebrar a unión e a forza do colectivo de persoas con discapacidade”. “Cada vez somos máis baixo o mesmo paraugas da inclusión, da diversidade, da empatía e da reivindicación da igualdade de dereitos e oportunidades para todos”, dixo a rexedora.

Inés Rey lembrou que, a pesar dos avances, aínda queda moito por facer en dous aspectos fundamentais: a escolarización das e dos menores, para a que se necesitan máis educadores e educacoras e persoal de apoio en todos os niveis educativos, desde a escola infantil á universidade ou a formación profesional; e o emprego, onde a taxa de paro do colectivo segue estando oito puntos por encima da media.

Rey tivo tamén unhas palabras de agradecemento para as familias das persoas con discapacidade. “Son quen mantén viva esta loita non só hoxe, senón todos os días, e o verdadeiro paraugas de agarimo que vos protexe sempre e ante calquera circunstancia” dixo.

No acto, que estivo presentado por Fran Rei, tamén interveu Ricardo Iglesias como representante das asociacións asinantes do manifesto, que foi lido por catro persoas con discapacidade. Tras a lectura, alzáronse os paraugas e soou a canción ‘Una marea de gente’.